AtlantTIC, Gradiant, Itmatia e EnergyLab amosaron os seus proxectos á ministra Ana Pastor

venres, 6 de novembro do 2015 Redacción

A ministra de Fomento, Ana Pastor, visitou este xoves a Universidade de Vigo. A titular de Fomento foi recibida polo reitor, Salustiano Mato, con que participou nun encontro de traballo xunto con representantes da institución académica e os seus centros de investigación, entre os que se atopaban o comisionado do Vigo Tecnolóxico, José Antonio Vilán e o representante do Centro Singular de Investigación, AtlantTIC, Carlos Mosquera. Tras asinar no Libro de Honra da Universidade, Pastor, que estivo acompañada na visita ao campus de Vigo polo director de Renfe, Pablo Vázquez, puido coñecer as capacidades da Agrupación Estratéxica Industria e Enerxía, Inex, e do Centro Singular de Investigación AtlantTIC en relación cos trens e as liñas de alta velocidade.
José Antonio Vilán expuxo á ministra de Fomento as potencialidades da Agrupación Estratéxica Industria Enerxía, que reúne a case unha trintena de grupos de investigación, con máis de 200 investigadores e investigadoras, na súa maior parte enxeñeiros industriais. Pola súa banda, Carlos Mosquera trasladou a Ana Pastor as potecialidades do centro AtlantTIC, onde xuntan forzas 12 grupos de investigación, con 183 investigadores e investigadoras enxeñeiros de telecomunicación, que desenvolven as súas liñas de traballo nas Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC).
Máis tarde, a ministra de Fomento, acompañada do presidente de Renfe, desprazouse ao Parque Científico e Tecnolóxico da Universidade de Vigo, CITEXVI, onde tivo ocasión de coñecer de primeira man as instalacións e os equipos de traballo do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, a empresa Itmatia e o Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostibilidade Enerxética, EnergyLab. Luis Pérez e Fernando Jiménez, director xeral e xerente de Gradiant, foron os encargados de amosar á ministra os espazos de traballo e desenvolvemento do centro tecnolóxico, que conta con máis de 80 empregados e empregadas.
Pola súa banda, Fernando Vázquez e Luis Díaz, director xeral de Imatia e presidente do padroado de EnergyLab, expuxéronlle as potencialidades da empresa especializada no desenvolvemento de software para empresas e administracións e do centro tecnolóxico dedicado a desenvolver e difundir tecnoloxías e hábitos de consumo que optimicen a eficiencia e sustentabilidade enerxética.

PUBLICIDADE