Até cen pemes do ámbito lucense adheríronse xa ao programa de transformación Reiníciate

luns, 15 de novembro do 2021 S. P.

Este luns 15 inauguráronse na sede da Deputación da Lugo as actividades do novo Ciclo de Conferencias Luis Asorey, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias e a entidade provincial lucense. O programa inclúe citas de divulgación até o 24 de novembro, todas elas coa arela común de contribuír á transformación do noso agro. Na sesión de apertura participou o deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, quen salientou iniciativas da Deputación como o plan Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa, co que a institución ofrece formación e asesoramento gratuítos a pemes e autónomos en materia de evolución tecnolóxica. Nel, sinalou, xa están inscritas cen pemes do ámbito provincial.
Nas xornadas, que se desenvolven en formato mixto -de xeito presencial no salón de actos da Deputación de Lugo e telemático a través da canle de Youtube da RAGC-. García Pernas enmarcou o apoio da institución provincial ao ciclo “dentro da nosa aposta para que a inmensa riqueza medioambiental coa que contamos na provincia de Lugo sexa unha oportunidade de desenvolvemento sustentásbel, tanto a nivel social como a nivel económico”. O deputado enxalzou á organización pola temática das xornadas, porque “na Deputación estamos convencidos de que dous factores esenciais para que as explotacións agrogandeiras sexan máis competitivas e sustentábeis, e para que gañen produtividade, son a innovación a través da transferencia de coñecementos xerados pola Universidade, e a incorporación e o uso eficiente das novas tecnoloxías”. En concreto, Roberto García Pernas destacou que a Deputación ten en marcha “un programa de formación e asesoramento gratuíto, que vai precisamente na liña de axudar ás pequenas e medianas e empresas, e ós autónomos, a aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para modernizar e para mellorar o seu negocio”. Trátase como dixemos do programa Reiníciate: Dixitaliza a túa empresa, no que a día de hoxe están xa apuntadas 100 pemes da provincia.

PUBLICIDADE