Até 80 persoas participaron nos cursos de informática celebrados nas parroquias de Ames

luns, 22 de xaneiro do 2024 S. P.

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación (AMTIC) organizou esta tempada, co inicio do curso, un programa de novos cursos de informática para o desenvolvemento dixital no medio rural, que se impartiron dende o pasado mes de outubro nos locais sociais de Agrón, Bugallido, Biduído, Augapesada, Covas, Tapia, Ameixenda e Ortoño. A formación, que foi de balde, incluíu 25 horas de clases prácticas. Un total de 80 persoas participaron en ditos cursos. Unha vez rematados, as persoas participantes recibiron este xoves 18 os diplomas que acreditan o correcto aproveitamento de dita formación.
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o acto de entrega dos diplomas dos cursos de informática organizados pola Aula AMTIC para o desenvolvemento dixital no medio rural. En dito acto participaron o alcalde de Ames e responsábel das áreas de Tecnoloxías da Comunicación e Informática, Blas García; a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís; o concelleiro de Urbanismo e Administración, Víctor Fernández; a concelleira de Promoción Económica e Atención Veciñal, Ana Belén Paz; e mailo concelleiro de Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo.
Blas García destacou a importancia de impartir cursos de informática no rural “para que toda a poboación teña acceso a coñecementos moi necesarios na vida cotiá actual. As formacións tiveron como obxectivo o achegamento da veciñanza das parroquias ao desenvolvemento dixital”.
O temario destes cursos abrangueu a navegación por Internet (busca en liña e navegación segura), o uso do correo electrónico (creación de contas e envío de correos), a introdución a Windows, a utilización de Office en liña, o uso de imaxes, a impresión de documentos, a introdución á folla de cálculo (formato de celas e gráficos básicos) e o uso do teléfono intelixente (configuración e axustes iniciais, chamadas e mensaxes de texto, aplicacións de mensaxería, uso da cámara, agregar e eliminar contactos...).
Estas actividades impartíronse nos locais sociais de Agrón, Bugallido, Biduído, Augapesada, Covas, Tapia, Ameixenda e Ortoño.

PUBLICIDADE