Até 470 pemes participaron na xira de GAIN e o IGAPE para fomentar a innovación

mércores, 20 de abril do 2022 S. P.

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, no concello coruñés de Abegondo, acolleu este mércores 20 de abril o último encontro da iniciativa Camiño de futuro, posta en marcha pola Xunta (a través de GAIN e o IGAPE) para difundir entre as pemes de contornas non urbanas os instrumentos de apoio autonómicos para mellorar a súa competitividade e crecemento. Na cita participou a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, que lembrou, facendo un algo de balance, que Camiño de futuro foi unha xira de 14 etapas nas catro provincias galegas e que nelas participaron 470 pemes e persoas autónomas, informándose das axudas autonómicas dispoñíbeis e, tamén nalgúns casos, mostrando casos de éxito.
Patricia Argerey destacou que o obxectivo destes encontros, que se inscriben no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, foi “animar ás pequenas e medianas empresas a iniciar o camiño da innovación”, para ser máis competitivas e medrar, así como para facer fronte aos retos globais actuais que dificilmente se poden abordar sen innovación. “As pemes son o motor da economía galega e, por iso, acompañalas nesta senda é unha prioridade para a Xunta de Galicia”, sinalou Argerey.
A directora de Gain animou ás empresas asistentes a presentarse ás convocatorias InnovaPeme e DeseñaPeme. A primeira delas, dixo, “vai destinada a incrementar a capacidade innovadora das pemes e microempresas galegas a través de actividades integradas en plans de innovación, e está aberta ata o vindeiro 18 de maio”. Pola súa banda, DeseñaPeme, que apoia a incorporación do deseño como elemento estratéxico nas organizacións como unha ferramenta imprescindible para a innovación, está previsto que se publique mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) e terá aberto desde o venres (22 de abril) o prazo de solicitude ata o vindeiro 23 de maio, engadiu Argerey, quen tamén puxo o foco noutras iniciativas do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes, como as liñas de axudas pensadas para empresas tradicionais e sectores maduros que queiran empezar a innovar; a difusión da cultura da innovación para incrementar o número de pemes innovadoras; o desenvolvemento de contidos formativos e ferramentas para que as pemes poidan avaliar a súa capacidade para innovar; a difusión de casos de éxito de empresas innovadoras da contorna e o asesoramento personalizado.
No encontro celebrado en Abegondo, persoal de GAING e do IGAPE, da Subdirección Xeral de Acuicultura da Consellería do Mar, así como do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas-Betanzos explicaron as diferentes convocatorias de axuda activadas pola Xunta.
Ademais, presentáronse casos de éxito empresarial con pemes innovadoras da contorna procedentes de diferentes sectores, que falaron da súa experiencia como beneficiarios de distintos instrumentos de apoio da Administración para que a empresa mellore a súa competitividade a todos os niveis. En concreto, estiveron representantes da empresa Panadería da Cunha de Carral e de Altavela Servicios Náuticos, compañía de servizos náutico-deportivos de Sada.

PUBLICIDADE