Até 45 comercios participan xa no programa Tendas a exame en liña do Concello da Coruña
xoves, 24 de setembro do 2020
A
concelleira
de Innovación, Industria e Emprego da Coruña, Eva Acón, participou
no Accede Papagaio na presentación do programa Tendas a exame en
liña, dirixido a apoiar ao comercio local con todo tipo de
recursos e coñecementos sobre ferramentas dixitais para mellorar a
visibilidade dos negocios.
Na
presentación no Accede Papagaio da iniciativa, que xa está en
marcha xuntando locais e que xorde da estratexia municipal para
impulsar e dinamizar os establecementos de proximidade, salientáronse
as boas cifras acadadas até o de agora pola primeira edición do
programa, do que xa tiran proveito 45 comercios e cuxas solicitudes
case duplicaron as prazas inicialmente dispoñíbeis.
A
concelleira agradeceulles a todas as persoas participantes a súa
presenza e destacou que a pandemia puxo de manifesto a importancia de
que o pequeno comercio se adapte ás novas tecnoloxías: “Con este
programa respondemos a moitas peticións das e dos comerciantes que
pediades un programa de consultoría sobre redes sociais, páxinas
web, marketing en liña”, dixo.
Acón
sinalou que durante a vindeira semana unha persoa especializada
visitará os comercios que se adhiran este outono para analizar a
situación de partida.
A
iniciativa Tendas a exame en liña consiste, explicou, en que
as persoas propietarias dos comercios coñezan ferramentas online
que poidan habilitar nos seus negocios “de forma sinxela, co
obxectivo de chegar a máis clientela e mellorar a súa visibilidade
na Rede”. Este cambio “permitirá que poida participar calquera
comercio de proximidade da cidade que teña establecemento aberto ao
público, con independencia da zona na que se atope”.
Segundo
dixo, logo da fase de análise e diagnóstico levaranse a cabo nos
negocios consultorías personalizadas de mercadotecnia en liña,
comercio electrónico, SEO, ecommerce e social selling,
entre outras temáticas, sempre buscando aquelas que mellor encaixen
cos diferentes establecementos participantes.