Até 31 webseries de Europa e América competirán no sétimo Carballo Interplay

martes, 3 de novembro do 2020 Fernando Sarasketa

A sétima edición (unha edición híbrida, a cabalo entre o presencial e o virtual) do certame de contidos dixitais Carballo Interplay, organizado por Interplay Producións e Concello entre os días 18 e 21 de novembro, ofrecerá unha selección de 31 webseries de Europa e América ao abeiro da súa sección oficial.
As contribucións que compiten veñen dun amplo abano de países: Arxentina, Uruguai, Chile, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Austria, Francia e Portugal, ademais de Galicia, Cataluña, Euskadi e do resto de España. A organización do festival elixiu, entre as propostas chegadas de todo o mundo, un total de 7 series galegas e en galego, 10 do resto do Estado e 14 do resto do mundo.
Como vén sendo habitual, a maioría das series finalistas son comedias, pero tamén haberá oco para o drama, o documental, o terror, o thriller, a ciencia ficción, a divulgación e o retrato do trauma persoal e colectivo a través da ficción.
No festival repartiranse máis de 5.500 euros en premios.
O xurado das diferentes categorías estará formado por Brays Efe, Alfonso Zarauza, Fernanda Tabares, Guillermo V. Zapata e Andrea Gumes. Ademais, o público decidirá cos seus votos entre todas elas un premio de 400 euros e un xurado novo composto por Laura Mendez, Antía Suárez e Jaime Regueiro entregará outro premio de 400 euros. A Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) patrocina un premio ao mellor guión dotado con 200 euros e a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización de Galicia (CREA), un un premio á mellor dirección dotado, tamén, con 200 euros. Finalmente, entregaranse os galardóns á mellor actriz e ao mellor actor.

PUBLICIDADE