Até 300 profesionais de tódolos eidos da enxeñaría participaron no Congreso Ibérico de Enxeñeiros da Coruña

martes, 25 de marzo do 2014 Redacción

Inauguración do evento celebrado en Palexco, co presidente da Xunta entre os responsábeis do acto de apertura

A semana pasada, concretamente o venres, celebrouse na Coruña (Palexco) a segunda edición do Congreso Ibérico de Novos Enxeñeiros Emprendedores, unha xeira de traballo e reflexión de cuxa primeira metade dimos conta en Código Cero, salientando o potencial de innovación alí amosado polas nosas empresas (empresas como por exemplo a galega Imatia). Os relatorios do congreso, no que participaron máis de 300 profesionais das distintas pólas da enxeñaría, tiveron continuidade pola tarde, cunha mesa redonda (ás 16.00 horas) sobre as claves da internacionalización (como acadala e que nos agarda de afrontala?). O congreso veu da man do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia e a Ordem dos Engenheiros do Norte de Portugal.
Na dita mesa redonda de despois do xantar participaron Javier Aguilera, director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE); Tomás Sancho, presidente do Consello Mundial de Enxeñeiros Civís (WCCE); e Maria João Bobone, directora da Agência para o Investimento e Comércio Externo de Portugal. Fixo de moderador Ramón Bermúdez de Castro, decano do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia.
Javier Aguilera explicou que a internacionalización do tecido empresarial galego é unha das prioridades da Xunta e fixo saber que as empresas da construción e as consultoras de enxeñaría estiveron entre as máis activas á hora de buscar mercados exteriores, en países como México, Brasil, Colombia, Francia ou Alemaña. Tomás Sancho, pola súa banda, amosouse especialmente optimista ante a focha produtiva dos nosos días e dixo que “a crise que estamos a vivir esconde, realmente, unha oportunidade para a internacionalización”. E engadiu: “Os enxeñeiros de España e Portugal somos moi necesarios e apreciados en América, África e Asia. Os mozos que optan por saír fóra están a ser ben acollidos e ascenden rapidamente na escala de responsabilidades”.
En semellantes termos expresouse María João Bonome, que debullou as metodoloxías do programa Inov Contacto, que “busca a colocación da mocidade licenciada en mercados prioritarios e países crave, para potenciar oportunidades de negocio para Portugal”. Desde o seu inicio en 1997, dixo, xestionou a estancia de máis de 4.000 bolseiros (unha boa parte deles enxeñeiros en Informática e Telecomunicacións) dos que o 40% recibiron ofertas de traballo das empresas de acollida.
Máis tarde, arredor das 18.00 horas, Juan Carlos Bravo, fundador de Foraim S.L.; María Ángeles Martín, responsábel de Internacionalización e Emprego do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos; e Vítor Correia, coordinador executivo do Observatorio do Engenheiro da OERN, tomaron a palabra na última mesa redonda do programa, dedicada ao emprego. O moderador foi José Manuel Durán, decano do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia.
Juan Carlos Bravo animou aos enxeñeiros a ser conscientes de que “somos un produto escaso pero, para achegar valor, debemos coñecer ben as nosas habilidades e saber situarnos nun mundo global”. María Ángeles Martín lembrou que “unha das bazas para sortear a mala sorte laboral atópase na especialización: elixir un eido moi concreto relacionado coas tendencias actuais pode axudar a abrir un oco no mercado. Moitas profesións actuais non existían hai uns anos, case todas elas relacionadas coas redes da información, e ao seu abeiro hai moi bos nichos de traballo: experto en analítica web, responsábel de comunidades en liña, responsábel de comercio electrónico, webmaster, etc”. Pola súa parte, Vítor Correia fixo unha presentación do traballo do Observatorio do Engenheiro de Portugal, dedicado á observación permanente das competencias da enxeñaría que lle son máis necesarias ao mercado, tanto cualitativa como cuantitativamente. Salientou o feito de que o número de enxeñeiros superiores no país luso multiplicouse por nove no últimos dez anos, o que obriga a “estar moi preparado e especializado para ter éxito no mercado laboral”.

PUBLICIDADE