Até 26.000 veciños poderían ficar sen actividades da Rede no noso rural

venres, 2 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

Se onte falamos nesta mesma web do vindeiro despedimento de 120 traballadoras/os que están a facer o seu labor nos diferentes programas de promoción da Rede aprobados pola anterior Xunta, agora toca dar conta de como o troco de Goberno pode afectar non só aos devanditos técnicos directamente vinculados ás novas tecnoloxías dixitais, senón tamén ás veciñas e veciños que se benefician decote das iniciativas que aquelas/es están a desenvolver. Segundo conta a CIG e se fai eco Xornal.com, a cifra de afectados por estes cambios non é precisamente pequena.
Máis polo miúdo, estaríamos a falar dun total de 26.000 usuarios da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, un tecido de aulas e centros posto en marcha polo anterior equipo de Goberno co fin de achegar conexión e formación de Rede naquelas zonas do noso rural onde a taxa de posibilidades de acceso a Internet é menor.
Ao parecer, e tal e como comentamos onte, está previsto xa o despedimento de 45 dinamizadoras/es da Rede, responsables dende a posta en marcha do servizo de todo tipo de actividades (cursos, relatorios, obradoiros) dirixidas a incrementar as opcións de mellora social e económica dos emprazamentos onde se insiren os ditos centros. Por certo que a Rede Dinamización está arestora presente en máis de 70 concellos.

PUBLICIDADE