Até 200 persoas participarán na primeira WordCamp galega

luns, 30 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Setembro vai vir con forza en materia de acontecementos TIC, e boa parte deles concentrándose en Pontevedra. Por exemplo a Pont-Up Store da que falamos hoxe, ou a WordCamp Galicia da que informamos os días pasados. Sobre este último evento, que se celebra por vez primeira os días 22 e 23 de setembro na Facultade Ciencias Sociais e da Comunicación, a Universidade de Vigo vén dar hoxe cumprida información. Por exemplo, que se estima unha participación de 200 persoas. Todas elas compartindo información sobre WordPress e as súas múltiples e diversas utilidades e facianas. Para quen non o saiba, WordPress é o sistema libre que achega xestión para arredor da terceira parte das páxinas web do mundo.
No marco da preparación da WordCamp Pontevedra 2018, este luns Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra, e Juan Hernando, presidente da comunidade de WordPress en Pontevedra, asinaron un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Fundación WordPress para a organización deste evento, estando tamén presente no acto Xosé Baamonde, decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O convenio xorde co obxectivo de “realizar conxuntamente actividades e proxectos en todo tipo de asuntos que resulten de interese” para as dúas institucións.
Máis polo miúdo, o acordo contempla que a Universidade de Vigo ceda de balde os espazos precisos para a celebración da WordCamp Pontevedra 2018 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e WordPress Community Support PBC, pola súa banda, comprométese a reservar un 20% das entradas dispoñíbeis do evento para os membros da comunidade universitaria a un prezo de dez euros por asistente.
Segundo explican os promotores da WordCamp Pontevedra 2018, trátase este dun evento sen ánimo de lucro de dous días de duración organizado por voluntarias e voluntarios da comunidade de WordPress Pontevedra co apoio da organización internacional Fundación WordPress. Como primeira WordCamp que se celebrará en Galicia, o evento”"proponse achegar á comunidade galega os mellores contidos con relatores de todo o país e tamén pór en valor o traballo e coñecemento dos profesionais de aquí”, indican desde a organización. Esta edición, apuntan, celebrarase no campus de Pontevedra co obxectivo “de achegarse máis á comunidade universitaria”.
Na primeira xornada da cita, o sábado, o programa inclúe dous grupos de conferencias con 20 relatores “que abranguerán todas as temáticas posíbeis para que tanto novatos como expertos aprendan e se divirtan”. Na xornada do domingo celebrarase un Día do Contribuidor no que as persoas interesadas aprenderán a colaborar co propio proxecto de WordPress mediante traducións, soporte, desenvolvemento, vídeo, etc. Ademais, durante o venres celebraranse diferentes actividades, como unhas charlas de balde dentro do programa do PontUp Store ou unha visita guiada por Pontevedra.
A cita de Pontevedra forma parte dunha rede de acontecementos WordCamps que se celebran por todo o mundo, impulsados por usuarios, desenvolvedores e entusiastas do devandito sistema de xestión de contidos. Segundo lembran os organizadores da xuntanza galega, as relatoras e relatores tamén concorren de maneira voluntaria e os cartos que se recadan por medio de entradas e patrocinios repercuten de xeito exclusivo sobre o evento (comida para dous días, café, refrescos, camiseta conmemorativa, impresión, carteis…).

PUBLICIDADE