Até 200 fogares do rural de Covelo verán mellorada a súa cobertura grazas a unha nova antena

venres, 3 de marzo do 2023 S. P.

O Concello de Covelo informou dunha relevante iniciativa para mellorar a cobertura de televisión e telefonía no rural do municipio, concretamente nos lugares de A Lamosa, Paraños e Prado de Canda. A medida, que afectaría a arredor de douscentos fogares, foi posíbel grazas á colaboración entre entre Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de A Lamosa e o Concello de Covelo. Consistirá na colocación dunha antena de última xeración.
A dita colaboración foi formalizada esta semana polo presidente da comunidade de montes de A Lamosa, Nelso Paramés, e o alcalde de Covelo, Pablo Castillo, que asinaron ante notario o convenio que facilitará a colocación do dito equipo de telecomunicacións “dando resposta así á demanda da veciñanza que tiña unha cobertura deficitaria de televisión e conexión telefónica”.
Segundo explicou Pablo Castillo, “hoxe é indispensábel traballar de xeito colaborativo e transversal para o ben común. A investigación e desenvolvemento de tecnoloxías que se poñan a disposición das necesidades humanas, a cooperación entre administracións e o diálogo e bo entendemento entre axentes sociais e gobernos permiten que hoxe poidamos dar resposta á demanda da veciñanza destas parroquias”.
Engadiu o alcalde, que o seu Goberno apoiará os proxectos e iniciativas que “fomenten o avance tecnolóxico e dixital en beneficio da veciñanza e dos negocios locais, que así poderán desenvolver a súa actividade profesional dende os fogares, estudar, realizar xestións e ter unha acceso á rede en igualdade”.
A través deste acordo, a CMVMC de A Lamosa cederá de xeito gratuíto durante 15 anos o uso de 82 metros cadrados para instalar a antena e outros 1.100 metros cadrados destinados a unha pista de acceso. A cesión poderá ser renovada en favor do Concello sempre e cando se manteña o uso.
O presidente das e dos comuneiros da Lamosa salientou a importancia desta decisión e confía en que esta infraestrutura resolva todas as necesidades: “Hoxe en día o rural non debe estar illado e nestas parroquias temos mocidade que estuda, outra que vén nas fins de semana, persoas que a partir de agora poden teletraballar e é preciso dar un servizo de acceso tamén á oferta de lecer e informativa da televisión sen interrupcións”.
Esta antena de nova tecnoloxía dará servizo á veciñanza de A Lamosa, Paraños e Prado da Canda. Ubicada no lugar de Congosta, enmárcase dentro dun programa de colaboración desenvolto pola Xunta de Galicia e a FEGAMP.
Logo de ter avaliado outras alternativas que non darían un servizo tan amplo, alcalde e comuneiros prestaron especial atención a este proxecto de investigación que “dá os seus primeiros resultados coa implantación das primeiras antenas de última xeración”, explicaron.

PUBLICIDADE