Até 20 veciñas e veciños de Tui formáronse en creación de páxinas web

xoves, 29 de agosto do 2019 Redacción

Este 29 de agosto clausurouse o obradoiro Percorre Tui, no que avanzaron en empregabilidade 20 veciñas e veciños do concello pontevedrés, que tiveron oportunidade de formarse en promoción turística e configuración de páxinas web. O remate da actividade contou coa presenza do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e do xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial.
O obradoiro de Tui contou con 20 alumnas e alumnos e unha achega da administración autonómica de 288.807 euros. Estivo centrado en promoción turística local e información ao visitante así como en configuración e publicación de páxinas web. A vertente práctica consistiu na creación de varias rutas para unir as parroquias do concello que tomaron como eixe o Camiño de Santiago, así como a realización dunha páxina web para a proxección do estudo e das rutas que se elaboraron na outra especialidade.
Segundo informa a organización, os participantes puideron combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas de polo menos 90 días nunha empresa local e cunha actividade ligada ás materias do obradoiro.

PUBLICIDADE