Até 20 mozos poderán traballar ou facer prácticas tecnolóxicas en Europa con axuda da Cámara da Coruña

mércores, 24 de agosto do 2022 S. P.

A Cámara de Comercio da Coruña ofrece axudas a mozos e mozas de entre 18 e 29 anos que queiran realizar prácticas ou optar a un contrato laboral en países de Europa. Unhas axudas que cubren postos tecnolóxicos (entre outros) e que se enmarcan no Plan de Mobilidade da Cámara. O obxectivo é “capacitar á xuventude que resida en calquera dos municipios da demarcación cameral, impulsar a súa formación e recuperar ese talento para contribuír ao impulso da economía da Coruña e a súa área de influencia”.
O plan contempla 20 axudas e conta cun orzamento de 72.000 €. As axudas artéllanse en dúas liñas, unha para a realización de prácticas no estranxeiro e outra para a favorecer a contratación dos mozos nestes países.
Os mozos seleccionados para realizar unha mobilidade transnacional recibirán un apoio económico como contribución aos gastos de viaxe e manutención durante o período de formación práctica no estranxeiro. Financiaranse estadías de 3 meses con axudas que oscilan entre os 2.000 € e os 2.500 € dependendo do custo de vida do país destino) ou de 6 meses, podendo alcanzar neste caso os 5.000 € en axudas.
Pola súa banda, os mozos que viaxen con contrato laboral ao estranxeiro recibirán unha axuda para sufragar os gastos de transporte que oscilan entre os 180 €e os 820 €, dependendo do país de destino e da distancia á que este se atope da Coruña.
En 2022, no marco deste programa, 10 países teñen ofertas de contrato laboral ou en prácticas. Trátase de Alemaña, Austria, Bélxica, Francia, Italia, Luxemburgo, Malta, Portugal, Reino Unido e República Checa. Francia, con 35, é o país con máis ofertas. Séguenlle Bélxica, con 15 e Reino Unido, con 9.
En total hai 77 ofertas repartidas na modalidade de prácticas e na de contrato laboral con ofertas “moi diversas”, segundo explica a entidade cameral, como asistente de comunicación, transformación dixital, asistente de dirección, asistente de comercio internacional, arquitecto, community manager, secretario ou barman, entre outros.
O prazo de solicitude ficará aberto ata o 15 de decembro de 2022 ou ata cubrir prazas. Máis información no 981 216 072 ou escribindo a movilidad@camaracoruna.com.

PUBLICIDADE