Até 172 edificios repartidos por todos os barrios de Vigo serán nodos intelixentes

mércores, 29 de decembro do 2021 S. P.

A semana pasada a Delegación do Goberno en Galicia e o Concello de Vigo deron a coñecer detalles relevantes do plan para converter a cidade nunha Smart City, máis sustentábel, máis eficiente, mellor conectada e con meirande calidade de vida para a cidadanía. José Miñones, delegado do Goberno en Galicia, informou da apertura da licitación do proxecto que converterá 172 edificios vigueses en nodos intelixentes, a través dunha iniciativa conxunta entre as dúas administracións e contándose cun financiamento de 4,6 millóns de euros. Miñones salientou que o investimento do Goberno permitirá situar a urbe galega “á vangarda das cidades españolas” e convertela “nun territorio intelixente, verde e eficiente”.
Tamén lembrou que o proxecto en cuestión (Vigo edificios intelixentes. Unha cidade para as persoas. accesíbel, eficiente e comprometida) será financiado polo Goberno de España nun 80% e polo Concello no 20% restante. Asemade, engadiu que os 172 edificios dixitalizados e conectados serán capaces de medir diferentes variábeis: ambientais, de satisfacción global, de seguridade ou de calidade de vida. Estes datos serán comunicados á plataforma Vigo Smart City coa finalidade de producir fluxos de información que melloren os servizos públicos e o seu alcance e eficacia.
O prazo de recepción de ofertas para este proxecto estará aberto ata o 22 de xaneiro de 2022 e a apertura de ofertas realizarase o día 5 de abril de 2022. O contrato terá unha duración de 20 meses.
O delegado do Goberno indicou que, xunto con Vigo, o Ministerio de Asuntos Económicos impulsará proxectos piloto similares noutro sete cidades españolas, entre as que está tamén A Coruña. As oito cidades foron seleccionadas na convocatoria de Proxectos Pilotos de Edificios Intelixentes, de Red.es. Con estes proxectos pilotos, poderase obter información real da aplicación das tecnoloxías á mellora da calidade de vida e da xestión dun edificio.


PUBLICIDADE