Até 150 investigadores noveis participan esta semana na Galiciencia

mércores, 9 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

Hoxe comeza a Galiciencia na Tecnópole de Ourense, a feira científica da mocidade galega, co engadido extra de ser a primeira edición de primavera (polo que só pasaron seis meses dende a anterior edición) e de vir acompañada dun chamamento xeral a atopar respostas tecnolóxicas para o reto do cambio climático. Pero hai máis engadidos extra: por exemplo a previsión de recibir máis de 2.000 visitas até este 11 de maio e un programa de actividades que abrangue 77 proxectos expostos e a participación de máis de 150 investigadoras/es noveis procedentes de 30 colexios e institutos distintos.
Entre os enxeños que poderemos ver atópanse solucións para depósitos de móbiles nas escolas, unha banda de rock formada por robots ou un sistema innovador que alerta de condicións de risco extremo para previr incendios.
Durante os días 9, 10 e 11 de maio a entidade organizadora, Tecnópole, acollerá no seu recinto a carpa na que os 50 equipos de secundaria e FP mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación en stands individuais. A eles súmanse, fóra de concurso, 27 traballos de primaria.
Todos eles recibirán a visita de grupos escolares procedentes de 36 centros de toda Galicia, aos que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes.
No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e conseguir apoio económico para participar na maior feira científica a nivel estatal (a Exporecerca), na feira anual de ciencia que ten lugar cada ano na primavera en Bilbao (a Zientzia Azoka) e no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.
Respecto da devandita temática principal da feira, haberá concursos (xa en desenvolvemento) e obradoiros. Segundo informa a organización, a través de experimentos interactivos, os participantes “coñecerán en profundidade conceptos coma o quecemento global e o efecto invernadoiro e tomarán conciencia sobre o xeito no que a acción humana inflúe sobre eles”. Este será tamén o alicerce temático do espectáculo científico que poderá seguirse este 10 de maio en streaming (retransmisión en directo por Internet) desde calquera centro escolar ou desde a casa.
Por outra banda, tamén estará a disposición dos visitantes a mostra Mulleres que cambiaron o mundo, que forma parte do proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino, no que participan 17 parques membros da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE). O seu obxectivo principal é “fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as mozas presentando modelos femininos que reforcen os estereotipos positivos sobre as mulleres en ámbitos científicos-técnicos”.

PUBLICIDADE