Até 15 bibliotecas públicas galegas galardoadas nos Premios María Moliner 2023

luns, 7 de agosto do 2023 S. P.

A Delegación do Goberno informou de que o Ministerio de Cultura vén de premiar 15 proxectos de animación á lectura presentados por bibliotecas públicas municipais de Galicia nos Premios María Moliner deste ano. Estes galardóns son concedidos polo Ministerio en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e distinguen servizos que leven a cabo proxectos innovadores de animación á lectura, de eficiencia, de integración social e de afianzamento do uso das novas tecnoloxías da información.
Están dirixidos a propostas presentadas por bibliotecas de concellos de menos de 50.000 habitantes. O importe total co que foron galardoadas as bibliotecas de Galicia ascende a 41.580 euros a razón de 2.772 euros por biblioteca e proxecto.
O programa, sinala a Delegación, “presenta unha gran importancia estratéxica no acceso ao libro e a lectura, xa que aproximadamente a metade da poboación española reside en municipios de menos de 50.000 habitantes”. O obxectivo da campaña é, seguindo o ideal da propia María Moliner, que calquera lector en calquera lugar poida conseguir o libro que lle interese.
Premiáronse 5 proxectos en municipios da provincia da Coruña, 4 na de Ourense, 4 na de Pontevedra e 2 na de Lugo. O Goberno destaca as propostas presentadas polos concellos de Ares, Carballo, Miño, Oleiros, Ortigueira, Ares, Verín, Barbadas, Cenlle, Esgos, Guitiriz, Sober, O Grove, Cambados, Soutomaior e Catoira.

PUBLICIDADE