Até 125 alumnos da Coruña recibiron cadanseus carnés de ciberexpertos

mércores, 3 de maio do 2023 S. P.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu na mañá deste mércores 4 de maio a entrega de carnés de ciberexpertos que a Policía Nacional entregou a 125 alumnos e alumnas de sexto de primaria de catro colexios públicos da Coruña. Estivo acompañada polo comisario provincial, Fernando Martínez.
Para obter este carné os alumnos tiveron que superar satisfactoriamente un curso de formación no uso seguro de Internet que impartiron Alberto Arias, inspector de Participación Cidadá e o axente Abraham Arruñada, que foron os encargados de impartir estas charlas nos centros educativos, sesións nas que tocaron outras temáticas como acoso escolar, o alcol e as drogas, a igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero ou bandas xuvenís.
O programa, cunha duración de cinco horas lectivas, está dividido en dez unidades didácticas nas que, entre outras cuestións, incídese en aspectos como o ciberacoso, a suplantación de identidade, o grooming, o sexting, as tecnoadiccións, as normas para manter a privacidade dos usuarios, así como recursos e consellos para realizar unha navegación segura.
A subdelegada do Goberno felicitou ao alumnado “pola superación deste curso” e recoñeceu o labor que realiza a Policía Nacional para formar en seguridade no uso de Internet, recalcando aos estudantes a importancia de coñecer os riscos no uso destas tecnoloxías e de comunicar aos seus pais, escola ou á Policía cando detecten un destes perigos.
María Rivas tamén destacou a importancia de recibir este tipo de formación e de que os menores saiban recoñecer que determinadas condutas que se realizan a través de Internet son consideradas un delito.
O inspector Alberto Arias felicitou ao alumnado por aprobar con éxito o curso.
Durante a celebración desta xornada o alumnado puido comunicarse en directo a través dunha vídeo-conferencia co humorista David Perdomo e o porteiro do Deportivo Ian Mackay, quen lles deron aos rapaces algúns consellos de seguridade para utilizar nas redes.
O programa Ciberexpert@ trátase dun proxecto creado pola Policía Nacional, co apoio de Telefónica e a colaboración da Fundación de Cibervoluntarios para mellorar a educación dixital das familias.
Os obxectivos son realizar actividades para sensibilizar aos menores acerca dos riscos que poden atopar no uso cotián das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), formalos para un uso seguro de Internet e as redes sociais, e conciencialos na importancia de xestionar adecuadamente a privacidade en liña e offline.
Para conseguir estes obxectivos, as delegacións de Participación Cidadá de Policía Nacional co apoio da Comunidade Educativa imparten charlas de formación nos colexios.
Estas actividades de formación están complementadas con campañas de sensibilización e información, así como coa creación da páxina web www.ciberexperto.org onde ademais de atopar toda a información do programa, pódense denunciar situacións de risco na Rede.

PUBLICIDADE