Até 1.002.000 fogares e empresas da nosa terra están xa en disposición de conectarse a R

martes, 17 de decembro do 2019 Redacción

Co gallo de estarmos en plena recta final de 2019, R quere facer reconto dos seus avances en materia de equipar aos municipios galegos de redes ultrarrápidas de Internet a través de fibra óptica (tecnoloxía FTTH de última xeración). Segundo fai saber a operadora de cable de raizame galega, o ano está a piques de pechar con 808.000 fogares e 194.000 negocios conectados á devandita rede avanzada de seu, o que significa que a compañía foi quen de superar o fito do millón de residencias particulares e empresas preparadas para recibir os seus servizos de última xeración. En total, 1.002.000 domicilios e negocios da nosa terra. Podemos consultar a cobertura de fibra óptica, ao detalle, no mapa habilitado pola empresa de cable.
A compañía de telecomunicacións tamén deu a coñecer que o investimento aplicado no despregue das ditas infraestruturas en Galicia ao longo de dúas décadas superou os 1.300 millóns de euros, chegando a 134 concellos da Comunidade.
Por outra banda, da devandita cifra de 1.002.000 de fogares e empresas conectados á fibra de R, ao redor de 300.000 clientes gozan nestes momentos de accesos a Internet de até 500 Mbps entre outros servizos avanzados.
R desenvolve neste intre varios proxectos das adxudicacións do Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración do Ministerio de Economía e Empresa, co que se promove o despregue de FTTH (fibra até o fogar) nas chamadas “zonas brancas”, é dicir, as que nunca dispuxeran de accesos de alta velocidade até este momento. Cando se completen os traballos de cobertura dos proxectos do Plan PEBA-Plan Avanza adxudicados a R en 2016 e 2018, o investimento total realizado (tanto en novas localidades como nas que xa había rede de R) alcanzará os 18 millóns de euros, co-financiados polos fondos FEDER da Unión Europea a través de devandito programa.
A compañía galega tamén engade que en virtude das adxudicacións de 2016, cun investimento de 8 millóns de euros, ao redor de 33.000 fogares e negocios das “zonas brancas” uniranse a ese millón longo dos que hoxe están en disposición de recibir os servizos avanzados de R en Galicia. A maiores, outras 32.000 residencias particulares e empresas tamén ficarán conectadas ás redes de nova xeración de R ao rematar as actuacións dun segundo plan PEBA-Avanza adxudicadas ao operador galego polo Ministerio de Economía e Empresa o ano pasado para igualmente achegar a tecnoloxía FTTH a diversas zonas da xeografía galega que nunca dispuxeran de accesos ultrarrápidos.
Estes despregues, cun investimento adicional de 10 millóns de euros, están subvencionados así mesmo polos Fondos FEDER da Unión Europea. Desta maneira, ao final de ambos os plans, antes de 2021, preto de 65.000 novos fogares e negocios ficarán preparados para recibir os servizos avanzados do operado galego.
Até 500Mb e servizos avanzados nunha vintena de novas localidades
Froito de todos estes traballos, só en 2019 poden acceder á rede de R a velocidades de até 500 Mbps domicilios e empresas de núcleos de 11 novos municipios galegos, aos que cómpre sumar outra decena deles conectados en 2018. Así, na provincia da Coruña R levou recentemente as súas redes de nova xeración aos concellos de Abegondo, Cerceda, Muros, Camariñas, Ortigueira, Curtis ou Porto do Son. En Lugo, a Lourenzá, Monterroso, Palas de Rei, Barreiros e Guitiriz. Na provincia ourensá conectáronse á rede de fibra de R núcleos dos municipios de Petín e Pobra de Trives e en Pontevedra os de Ribadumia, Meaño, Cuntis, Ponte Caldelas, O Rosal, Tomiño ou Moraña. Doutra banda, R aumentou a súa presenza noutros municipios onde xa estaba coa súa rede de fibra como Miño, Cambre, Culleredo, Oleiros, Arteixo, Ferrol, Neda, Poio (Combarro), Pontevedra, Vigo, A Guarda, Ordes, Santiago de Compostela, San Cibrao das Viñas, Arteixo, Nigrán, Vigo, Cervo, Sanxenxo, Redondela, Mugardos e Boqueixón. E as previsións falan doutros despregamentos en 2020, en núcleos dos municipios de Cariño, Muxía, Antas de Ulla, Valga e Vilaboa.
Ademais deses accesos a Internet con “megavelocidades garantidas”, as zonas activadas poderán gozar tamén do desco 4k da televisión dixital de R, alta definición co servizo Rebobina para ver a tele “como e cando se queira”. Así mesmo, os clientes de R poderán aforrar no seu plan de datos móbiles e conectarse de balde a milleiros de puntos da rede WifiClientes R diseminados pola xeografía galega.

PUBLICIDADE