Atari denuncia a KitKat por copiar o xogo Breakout nun anuncio

venres, 18 de agosto do 2017 Marcus Fernández

A marca KitKat está ligada estreitamente ao mundo da tecnoloxía, tanto por ser un aperitivo de chocolate moi consumido por profesionais do sector TIC (o que incluíu no feito de que incluso chegase a dar nome a unha versión de Android) como polos moitos acenos que Nestlé facía nas súas campañas publicitarias a distintos videoxogos clásicos, de aí que sorprenda enormemente que Atari, unha das marcas máis lonxevas das industria, decidirse denunciar a Nestlé por copiar o xogo Breakout (un machacaladrillos dos anos 70, na liña do tamén clásico Arkanoid) nunha campaña publicitaria.
No anuncio en cuestión pode verse como unha serie de persoas están a xogar de xeito cooperativo a un xogo na liña de Breakout no que os ladrillos eras substituídos por barras de KitKat, o que anoxou a Atari, compañía que decidiu presentar unha demanda nun xulgado de San Francisco (EE.UU.).
Dende Nestlé están sorprendidos polo feito pois, tal e como recoñeceu un voceiro da compañía, o anuncio en cuestión emitiuse na televisión británica en 2016 e non hai plans de volver a emitilo.
Un dos detalles máis curiosos do Breakout de Atari é que este xogo que buscaba ser un sucesor do Pong foi deseñado Nolan Bushnell, Steve Bristow e o propio co-fundador de Apple, Steve Wozniak, aínda que o produto que se comercializaría finalmente non sería o creado por Wozniak (xa que o seu deseño demasiado optimizado resultaba complicado de fabricar).

O uso de xogos e videoxogos clásicos é algo que KitKat fixo en numerosas ocasións no pasado

PUBLICIDADE