Asturias apoiará con 6 millóns de euros o despregue de redes no rural

venres, 29 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

Asturias, en cuestión de despregue de acceso ás redes ao longo e ancho do seu territorio, ten un traballo semellante ao noso. Isto vén a conto polo espallamento da súa poboación (non tan notorio coma no caso galego, pero salientable a fin de contas) e o complicado da súa paisaxe, dúas circunstancias que de boas a primeiras enlean calquera estratexia de afianzamento dixital. Con todo, quen soe saír perdendo, tanto no seu caso coma no noso, é o rural. Falamos pois dun bo anaco da xeografía do país que ve limitadas as súas posibilidades de medre económico e social cun acceso ao coñecemento que é moito máis precario có das cidades, xa de por si beneficiadas.
Segundo se conta en Emprendia, o Goberno do Principado quere solucionar de xeito definitivo esta cuestión, de aí que aos recentes apoios achegados para dinamizar a implantación de accesos veña de sumar un novo subministro de subvencións, dotado con seis millóns de euros e co obxectivo de universalizar o acceso a Internet e, sobre todo, garantilo no eido rural a través de axudas ás empresas encargadas de fornecer telecomunicacións.
A idea do Goberno de Asturias é compensar con respaldo económico a principal queixa aducida polas compañías no caso de pechar no rural a billa da súa oferta: que non hai demanda de abondo. O anuncio destas subvencións veu da man de Ana Rosa Migoya, conselleira de Administracións Públicas, quen fixo saber que a nova liña de apoios foi aberta o un de xaneiro e arestora conta coa participación de sete operadores: Movistar, Telecable, Telefónica, Vodafone, France Telecom, Iberbanda e Nostracom. Segundo se fixo saber, estas axudas abranguen o emprego de calquera tecnoloxía axeitada co fin de asegurar os fins fixados, ben sexa cable, ADSL, WiMAX ou 3G.

PUBLICIDADE