Os contidos de Associated Press aseguran estar libres da IA

mércores, 16 de agosto do 2023 Marcus Fernández

O mes pasado Associated Press (AP) anunciou ter pechado un acordo con OpenAI para compartir contidos informativos e tecnoloxía, pero deberon pensar que esta situación podería pór en dúbida as informacións divulgadas pola axencia de novas, de aí que publicaron un comunicado dando a coñecer os seus estándares con respecto ás intelixencias artificiais xenerativas.
Dende AP insisten en que a IA non pode substituír o traballo dos xornalistas de ningún xeito, e aínda que estean a experimentar coa tecnoloxía de ChatGPT, non a usarán directamente para crear contido publicable. O criterio de AP é que calquera contido xerado por unha IA debe considerarse que está sen verificar, polo que debe tratarse como tal polo seu equipo editorial, destacando o feito de que en ningún caso farán uso da IA para engadir ou eliminar elementos de fotografías, vídeo ou son.
Destacan que o único caso no que publicarían imaxes xeradas por IA sería cando fosen de interese informativo como tal, indicando claramente que as imaxes foron creadas artificialmente.
Outro detalle salientable sobre a desconfianza da AP de cara á IA é que instan aos seus traballadores a non introducir información confidencial ou sensible dentro de ferramentas de intelixencia artificial; e tamén instan aos xornalistas a esforzarse para garantir que o material que acheguen dende outras fontes estea libre de contido xerado por unha IA.
Alertan do doado que é difundir falsidades mediante textos, son, fotografías e vídeo manipulados mediante IA, polo que é preciso ter cada día máis coidado á hora de verificar a información e identificar a súa fonte orixinal, e ante a dúbida, o material debería desbotarse.

PUBLICIDADE