As xornadas hubNet poñen o foco no potencial das TIC para a fortaleza do comercio

martes, 28 de novembro do 2023 S. P.

O ciclo Constrúe o teu futuro na era dixital da iniciativa dixital hubNet, liderada pola Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, entra na súa terceira semana de actividade, na que están programadas un total de catro novas conferencias e seminarios que esta vez poñerán o foco na análise de datos a gran escala (Big Data e na dixitalización do sector do comercio. Este foi o tema central da xornada técnica celebrada este 28 de novembro na sede da Cámara de Comercio en Vilagarcía, coordinada por Santiago García, director da firma de servizos técnicos Stin.
Na sesión abordáronse solucións TIC para a mellora da xestión do comercio. O experto de Stin afirmou que “a tecnoloxía xoga un papel fundamental para este sector, permitindo unhas maiores eficiencia, precisión e competitividade dos negocios.
Nunha presentación de carácter moi práctico, Santiago García debullou o tipo de tecnoloxía básica que requiren as empresas, e explicou a necesidade de dimensionar adecuadamente os equipos informáticos á medida de cada unha. “Así”, dixo, “para unha micropeme podería ser suficiente un servidor que permita compartir arquivos, a xestión de correos, o acceso remoto e as copias de seguridade; mentres que para empresas máis grandes hai que ter en conta as necesidades do teletraballo, a xestión de varias sucursais, moitos niveis de usuarios e un gran volume de traballo”.
O experto tamén incidiu en que é “crucial” contar cunha estrutura eficiente en aspectos tan básicos como o cableado, que executado de forma axeitada facilita os mantementos e reparacións. Ademais, asegurou que “un software eficiente, capaz e actualizado aforra moitas horas de traballo”.
En todo caso, recomendou ás empresas “contar con contratos de mantemento personalizados, que inclúan un servizo de asistencia rápida a domicilio e asistencia remota para resolver os posíbeis problemas coa maior rapidez, así como a recuperación de datos en caso de borrados accidentais ou danos en discos ríxidos”. O director de Stin advertiu de que “os datos son unha parte fundamental e imprescindíbel dunha empresa, pero a maioría delas non lles dan a importancia que teñen ata que, por un incidente, estes datos vense comprometidos”. Por iso, incidiu en que “é moi importante ter un bo sistema de copias de seguridade e que estas estean supervisadas e periodicamente validadas”.
Ademais destes equipamentos básicos que son comúns ás empresas en case calquera área de negocio, Santiago García achegou a emprendedores e pemes do sector do comercio algunhas solucións tecnolóxicas que poden contribuír á mellora dos seus resultados. Entre elas, destacou os sistemas de xestión ERP, os puntos de venda (POS/POS) e sistemas de pago, o comercio electrónico, as solucións para a xestión dos inventarios e cadea de subministro, os sistemas de xestión de clientes (CRM), a análise de datos e a intelixencia empresarial (BI), a automatización do mercodotecnia, a seguridade cibernética, e o aproveitamento dos novos recursos da Intelixencia Artificial e da Realidade Aumentada (AR) e Virtual (VR).
Luis Blanco, tamén membro do equipo de Stin, foi o encargado de detallar nesta xornada as posibilidades de cada unha destas ferramentas tecnolóxicas para o sector do comercio. En primeiro lugar, subliñou que as ferramentas máis cotiás coas que xa funcionan os establecementos teñen funcionalidades que moitas veces o usuario descoñece e que poden ser moi útiles para a xestión, e animou a aproveitalas. Neste sentido, mencionou especificamente o correo electrónico, a web, o comercio electrónico ou as redes sociais.
Tamén explicou as posibilidades dos principais programas para a dixitalización do comercio. Entre eles, citou en primeiro lugar o software de xestión empresarial (ERP). Segundo dixo, “a implantación dun ERP permite un incremento da produtividade, mellorando desde o control da xestión financeira, ao servizo de atención ao cliente, a xestión dos recursos humanos, a xestión dos proxectos, e a cadea de subministración e operacións”.
En segundo lugar, destacou o BPM (Business Process Management), que se serve de diferentes métodos cos que descubrir, modelar, analizar, medir e mellorar os diversos procesos que interveñen nun negocio concreto. “O BPM optimiza a relación da empresa cos clientes, simplifica as operacións usando un software adecuado, reforza a colaboración entre departamentos e permite personalizar os procesos para adecualos a distintos tipos de público”.
Tamén explicou o funcionamento dos CRM, o software que permite ás empresas e autónomos realizar un seguimento das interaccións cos usuarios, distribuidores e clientes, e que proporciona unha xestión integral de todos os aspectos relacionados, desde o mercadotecnia á xestión de vendas.
Entre as ferramentas que trae a dixitalización e que poden mellorar o comercio citou ademais a intelixencia de negocio (BI), que se basea na análise integral dos datos para apoiar a toma de decisións na empresa, eliminando eivas de eficiencia e permitindo unha adaptación rápida a cambios no mercado ou a demanda.
Na xornada interveu tamén Ramón García, especialista de Stin, que achegou ás empresas os principais protocolos que empregan os dispositivos e aplicacións tecnolóxicas cos que traballan nos seus negocios, pensando na súa optimización en clave de ciberseguridade e óptimo aproveitamento.


PUBLICIDADE