As xornadas de innovación turística da Deputación de Lugo terán segunda edición en setembro

martes, 25 de agosto do 2020 S. P.

As xornadas para a creación innovadora de experiencias turísticas que impulsa a Deputación de Lugo terán unha segunda edición. Esta desenvolverase o día 2 de setembro, nunha data que xa ten o prazo de inscricións abertas de xeito online. Así o confirmou este martes a Deputación de Lugo, que valorou a boa acollida que están a ter estes encontros (con todas as prazas cubertas) que se celebran este martes no Centro de Formación dos Servizos Audiovisuais da Deputación. Os participantes, que foron recibidos pola deputada Pilar García Porto, concorren en dúas quendas de 15 persoas para respectar o aforo permitido. Nas dúas sesións os asistentes recibirán, da man de técnicos especialistas, asesoramento tecnolóxico para mellorar a súa actividade e deseñar, crear e comercializar as súas propias experiencias turísticas.
García Porto subliñou que estes encontros “insírese na estratexia da Deputación para revitalizar o sector turístico”, unha estratexia que se engloba na campaña En Lugo Si con iniciativas como foros de debate ou formación para cumprir coas normas sanitarias.
Esta actividade enmárcanse dentro da programación do I Congreso de Turismo Experiencial que se celebrará en Lugo no mes de setembro e co que colabora a Deputación de Lugo.
Benvidas
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, deu a benvida este martes aos participantes nas Xornadas de Introdución á Creación de Experiencias de Ocio e Turismo da provincia de Lugo que acollen as dependencias do Centro de Formación dos Servizos Audiovisuais da Deputación de Lugo. A actividade enmárcanse dentro da programación do I Congreso de Turismo Experiencial que se celebrará en Lugo no mes de setembro e co que colabora a institución provincial, o Concello de Lugo e a Xunta.
Nesta acción participaron 30 persoas. Desenvolveuse en dúas sesións de 4 horas e media: unha pola mañá con 15 persoas e outra pola tarde con outras 15. O aforo estivo limitado desta maneira seguindo os protocolos e recomendacións sanitarias establecidos para a prevención da COVID-19.
Debido ao éxito destas xornadas, pois esgotáronse as prazas ofertadas, ábrese o prazo de inscrición para realizar unha nova sesión o día 2 de setembro, de 9:00 a 13:30 horas.
As sesións formativas son impartidas por técnicos especialistas de turismo que pertencen á entidade Experiencias del Destino, como Antonio Armesto, director técnico; Berta Ramos, voceira do I Congreso Nacional de Turismo Experiencial; Agustín Rico, Chief Browth Officer de Experiencias del Destino; e Belén Encabo, coordinadora técnica do congreso.
Difusión das iniciativas
Aos participantes nestas xornadas dáselles a oportunidade de amosar as actividades creadas nesta acción no evento Lugo Experience, que terá lugar a fin de semana do 19 e o 20 de setembro. Lugo Experience será un escaparate de experiencias da provincia de Lugo que poderán ver os asistentes ao primeiro Congreso Nacional de Turismo Experiencial, os visitantes e a veciñanza da provincia.
Ademais, poderán participar en Lugo Experience todos aqueles profesionais que xa teñen produtos, servizos e actividades experienciais creadas con anterioridade ás xornadas. Deben anotarse na web do evento para participar nun webinar de Introdución á Creación de Experiencias de Ocio e Turismo da Provincia de Lugo que se celebra o día 2 de setembro, en horario de 16:30 a 18:30 horas.

PUBLICIDADE