As xornadas de formación dos lectores de galego apóianse nas TIC

luns, 27 de decembro do 2010 Redacción

O responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, inaugurou esta mañá na Escola Galega de Administración Pública as xornadas de formación para os lectores e lectoras de lingua e literatura galegas que organiza anualmente a secretaría xeral. «Recoñecemos e estamos orgullosos do traballo que levades a cabo en universidades de España, Europa e América, porque estades cumprindo un dos obxectivos centrais do Plan xeral de normalización da lingua galega en acción lingüística exterior: impulsar a proxección da lingua e da literatura galegas fóra de Galicia como manifestación dunha cultura diferenciada e como expresión social do pobo galego», salientou o secretario xeral durante a súa intervención.
Anxo Lorenzo tamén lles transmitiu aos lectores e lectoras de galego a necesidade de facer «o máximo esforzo para que os estudos galegos estean inseridos en programas académicos sólidos, integrados na oferta curricular das súas respectivas universidades de destino».
As xornadas que organiza entre hoxe e mañá a Secretaría Xeral de Política Lingüística están orientadas a mellorar a formación dos lectores e das lectoras de galego en tecnoloxías aplicadas á educación, formación e comunicación. En consecuencia, as ferramentas da Web 2.0 teñen unha especial relevancia na configuración dos seminarios.
Coa organización destas xornadas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca dotar os lectores e lectoras de lingua e literatura galegas de ferramentas que lles permitan dinamizar as súas aulas mediante a utilización das tecnoloxías da información e da comunicación, así como coñecer recursos de utilidade para o ensino e a aprendizaxe de idiomas.

PUBLICIDADE