As webs de Air Europa e Vueling, na listaxe gris da Unión Europea

martes, 19 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

O panorama dos espazos web das empresas de venda de viaxes están neste intre no que ben se podería chamar un punto de inflexión. O motivo: as normas que protexen aos consumidores, que, finalmente, semellan ser cada vez máis normas e, cada vez, máis protectoras cos consumidores. Segundo sinalou os días pasados a web Hosteltur.com facendo referencia á nota acadada neste senso polas firmas españolas, a Unión Europea vén de situar na súa listaxe branca aos espazos en liña de Iberia e máis de Spanair, deixando para a clasificación de tonalidade gris os de Air Europea e máis Vueling. As valoracións, feitas sobre a base de 447 páxinas web de aeroliñas europeas estudadas, inclúen a Iberia e Spanair na listaxe das 16 compañías da UE que máis están a cumprir coas normas de confianza, respecto ao consumidor e máis accesibilidade que imprime a Comisión, listaxe formada polas devanditas e por Air Malta, Blue1, bmi, bmibaby, Estonian Air, Finnair, Malmö Aviation, SAS, Sata Air Açores, Sata International, TAP, Tarom, TUIfly e Virgin Atlantic.
Polo que respecta á listaxe negra, aquela na que se inclúen os casos imposibles de endereitar a curto ou medio prazo (con moi escasos esforzos achegados por cumprir coa regulación ou levar a cabo este punto en breve), estaría composta polas páxinas web de Aeroflot, Air Baltic, MyAir, Northwest, Olympic Airlines, Royal Air Maroc Marruecos, Turkish Airlines e Wingjet. Por último, o estudo da Comisión Europea habilitou unha vez máis unha zona de transición que supostamente dá acubillo a aquelas firmas que se atopan en trámites de mellorar no posible as súas achegas en liña, e nun prazo o máis curto posible: a listaxe gris. Amais das devanditas máis arriba, nesta listaxe hai algunha que outra empresa que dá servizo nos aeroportos galegos, como por exemplo Ryanair ou Air Europa.
Asemade, atopamos a Easy Jet, Blinter Canarias, Alitalia, Brussels Airlines, Delta Air Lines, Lufthansa ou Swiss, entre outras.

PUBLICIDADE