As voces máis sobranceiras da Internet estatal daranse cita no CIP

martes, 29 de marzo do 2022 S. P.

O Carballo Interplay, o certame de contidos dixitais da vila bergantiñá, será novamente unha cita obrigada coa creatividade máis innovadora, referencial e comprometida. A organización do festival (Concello de Carballo e Interplay Producións) ofrecerá, do 6 ao 9 de abril, “unha coidada escolma das voces máis potentes da cultura, o activismo e o humor da Internet estatal”.
Unha ferramenta para mellorar o mundo
Este ano o festival galego pon o foco nos proxectos que empregan a Rede como unha ferramenta para mellorar o mundo e sobre todo aquelas propostas que apoian a cultura e o activismo e fomentan conversas sobre a saúde mental, a igualdade en todos os ámbitos e a xustiza social.
Ademais, a súa Sección Oficial selecciona 16 das mellores series web do mundo, o seu programa profesional reúne ás principais produtoras de podcast estatais e a gravación do programa Petiscos no Derby propicia o encontro entre coñecidos rostros e voces da cultura dixital galega coma Prado Rúa, Esther Estévez, Olaxonmario, Tamara Pazos e Berto.
Gen Playz en directo
Un dos pratos fortes será a gravación en directo do programa Gen Playz, de RTVE, que terá lugar o xoves 7 de abril ás 20h00 no Mercado de Abastos de Carballo. Gen Playz, premiado como mellor programa de entretemento nos Premios Ondas 2021, emitirá un programa especial dende Carballo, presentado por Inés Hernand. Os invitados e invitadas serán caras coñecidas polo público e contará con actuacións musicais, así como co seu habitual espazo de debate para tratar temas sociais de gran interese para a xente nova.
Tardeo, de Radio Primavera Sound
Para quen prefira o formato podcast, un día despois, o venres 8 ás 20h realizarase a gravación de Tardeo, de Radio Primavera Sound. Neste programa, un clásico xa do sonoro catalán, a politóloga e xornalista cultural Andrea Gumes reúne a colaboradoras especialistas en cine, series, feminismos, astroloxía, alimentación, libros, cómics, racismo, menstruación, sexualidade, tendencias, videoxogos, vivenda digna, saúde mental, en definitiva, as principais temáticas actuais das novas xeracións.
A organización do Carballo Interplay fai saber ademais que Gumes non será “a única representante de Radio Primavera Sound no festival”, xa que Marta Salicrú, a súa directora, estará a cargo da Sesión Vermú que se organizará o sábado 9 ás 13h00.
Rajando con Ana Plo e Asaari Bibang
Xusto despois, o mesmo venres 8 ás 22:30, chega o Rajando con…, contando coa presenza de Ana Polo e Asaari Bibang, dúas das principais cómicas do momento, que chegan a Carballo con intención de conquistar ao público co seu habitual humor reivindicativo que non “deixará títere con cabeza”, sinalan dende a organización do CIP, engadindo que Ana Polo é xornalista e traballou en varios programas de RTVE, Rac 1 e Cataluña Ràdio. Tamén foi colaboradora e guionista de No te metas en política e actualmente pódese atopar no podcast Oye Polo de Radio Primavera Sound e en Feministic, un programa divulgativo sobre feminismo en clave de humor de Fibracat TV.
Pola súa parte, Asaari Bibang é unha actriz e cómica de Guinea Ecuatorial afincada en España. Participou na Riot Comedy, o proxecto feminista da cómica Penny Jay, no festival de humor feminista Coñumor e en programas como La Resistencia, Las que faltaban ou Comedy Central. En 2021 presentou o seu espectáculo afrofeminista Humor Negra e ademais colabora con Pikara Magazine e con El País.
Activismo e feminismo
Un ano máis, o Carballo Interplay quere poñer o foco no traballo das persoas que utilizan a rede para ensinar outras realidades ou facer do mundo online “un espazo máis habitábel dende o humor, a divulgación e a arte”. Este ano virán a falar do tema Nerea Pérez de las Heras, Eugenia Tenenbaum e Ana Polo.
Nerea Pérez de las Heras é coñecida polo seu traballo como xornalista e dramaturga. Leva anos facendo humor político a través de Feminismo para torpes e o podcast Saldremos mejores, no que participa con Inés Hernand. Ademáis, escribiu para medios como El País, SModa, Mujer hoy, Vogue, Esquire, Marie Claire e Glamour.
Eugenia Tenenbaum é unha historiadora da arte especializada nos estudos de xénero. Traballa como divulgadora cultural, creando contido en redes sociais no que combina arte, perspectiva de xénero, feminismo e crítica social.
CFA con Elizabeth Duval
Unha das últimas actividades do festival, o sábado 9 ás 19h30, será o CFA de Elizabeth Duval, Carta a las chicas del 2000. Segundo explican dende o CIP, un Código Fonte Audiovisual é “un formato híbrido entre conferencia e proxección no que se convida a un curator a que seleccione e comente fragmentos de obras audiovisuais que marcasen a súa cultura e a súa forma de entender o mundo”.
Para iso, nesta edición seleccionouse a Elizabeth Duval, graduada en Filosofía e Filoloxía francesa pola Universidade da Sorbona, adeais de escritora e columnista en medios como Público. Debutou no panorama literario coa memoria Reina e o libro de poemas Excepción. Tras a publicación do ensaio Después de lo trans, a súa última obra publicada é a novela Madrid será la tumba.
O festival rematará coa súa xa habitual Entrega de premios, na que se dirá quen son as gañadoras do certame de series e o concurso de proxectos de serie web en galego. Este ano a gala será presentada por Jorge Boquete e Óscar Cruz, da productora Porco Bravú, que traen A desfeita!, un late night con invitados excepcionais e moito humor no que farán un percorrido a través dos nove anos que se leva celebrando o festival. Berto DJ Set encargarase de darlle música á sesión de despedida.

PUBLICIDADE