As utilidades da mercadotecnia dixital no turismo, ao detalle en Celanova

venres, 28 de setembro do 2018 Redacción

Este 27 de setembro a Casa dos Poetas de Celanova acolleu a celebración dunha xornada sobre novas tendencias de mercadotecnia dixital no eido turístico galego. A xeira de traballo e debate, organizada polo Grupo Colmeiro, contou coa colaboración da Deputación de Ourense. Os encargados de inaugurala foron o vicepresidente da dita entidade provincial, Rosendo Fernández; o catedrático de Facenda Pública da USC e coordinador do Grupo Colmeiro, Luis Caramés; e o alcalde de Celanova, José Luís Ferro. A cita coincidiu no tempo cunha celebración que lle tocou de preto: o Día Mundial do Turismo.
Na xornada, o rexedor de Celanova lembrou que as novas tecnoloxías, a cultura e o turismo están a dar froitos interesantes no municipio, da man da colaboración do seu equipo coa Deputación. Consecuencia disto é o traballo xerado arredor da novela Arnoia, Arnoia de Méndez Ferrín, que serve de base a un proxecto “para elaborar o primeiro videoxogo baseado nunha obra literaria galega e ao mesmo tempo deseñar unha proposta de visita con realidade aumentada polas terras de Celanova asentado nos principios dese videoxogo”, explicou.
A xornada ofreceu aos asistentes solucións para que as empresas sexan quen de traballar cos datos que proporcionan as ferramentas de mercadotecina dixital e que, en base a eses datos, poidan elaborar plans de marketing en liña máis efectivos. Durante a xornada, os expertos analizaron con casos prácticos as novas tendencias no devandito eido e mostraron aos asistentes solucións que lles permitan ás empresas competir mellor e chegar ao consumidor dunha maneira máis directa.
Luís Caramés dixo que, tendo en conta que “os consumidores de turismo actualmente son sobre todo dixitais”, isto guinda novos retos ás empresas turísticas, polo tanto é “importante coñecer esas tendencias para adaptarse mellor á oferta, empregar ferramentas de mercadotecnia dixital e levar a cabo plans de dixitalización da oferta turística, porque a demanda está a transformar a natureza do consumidor de turismo”.


PUBLICIDADE