As universidades galegas non acaban de despegar en presenza na Rede

venres, 30 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Segundo estudos recentes do Laboratorio de Cibermetría do CSIC, as presenzas na Rede das nosas tres universidades non son tan boas como se agardaba. De feito, tendo en conta os datos do estudo (reflectidos polo miúdo por Galicia Hoxe), as páxinas web de cada unha das institucións educativas (A Coruña, Santiago e Vigo) nin sequera figuran entre as trescentas primeiras do ranking de 500 que achega a investigación. En detalle, a menos mala das posicións é para a Universidade de Vigo, que consegue o posto 380 e vén seguida pola de Santiago, que acada o 383, e pola da Coruña, que se sitúa no 451.
Os malos resultados tampouco representan moita melloría con respecto a valoracións previas, xa que nos estudos de xaneiro a de Vigo obtivo o número 362 da listaxe, co que se confirma a súa baixada. A tendencia, con todo, é a que as tres páxinas web acaben por xuntarse no ranking, e máis se temos en conta a lixeira subida experimentada pola USC (que estaba a comezos de ano no posto 400) e da UDC (que estaba no 527).
A cousa tampouco pinta ben para o resto das universidade do Estado español, posto que non se albisca ningunha entre as cen primeiras que rexistra o estudo, feita sobre un total de 12.000 institucións internacionais. As que mellores resultados obteñen en España son a Complutense de Madrid, no posto 147, e máis a Politécnica de Madrid, no 184. Polo que respecta ás primeiras posicións de listaxe, están ocupadas polas de sempre: as dos Estados Unidos, incluídas Harvard, MIT (Massachusetts), Stanford e Berkeley.

PUBLICIDADE