As universidades galegas e do norte de Portugal preparan unha ambiciosa iniciativa tecnolóxico-teatral

mércores, 6 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

Segundo apunta a USC, a experiencia de Opera Oberta será un importante punto de referencia

Falamos agora dunha nova proposta de colaboración a través das redes, aplicable aos responsables da iniciativa (as universidades galegas e do norte de Portugal, máis próximas grazas ao dixital) e tamén ao contido da iniciativa mesma (que une eidos tan diferentes como a tecnoloxía e as artes escénicas). Máis en detalle e segundo informa estes días a USC, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais (CEER) será a responsable da coordinación artística dun innovador proxecto no que están implicadas as seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal -Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Trás-os-Montes e Alto Douro, Porto e Minho- e consiste, en termos xerais, na posta en marcha de diversas actividades culturais a desenvolver en dous planos de realidade e de xeito simultáneo: no plano físico (o que todos identificamos como tradicionalmente propio de danza ou o teatro) e no plano virtual.
Deste xeito, a iniciativa abrangue a representación nos vindeiros meses de diversos espectáculos de danza e teatro que serán retransmitidos en directo a través de Internet. “Trátase de representar unha peza curta de danza distribuída e outra de teatro sobre as que se poderá interactuar”, informa a USC. E engade, sobre a natureza do proxecto: “O traballo conxunto dos grupos de teatro e danza das Universidades e da Fundació i2cat e Kònic thtr, pioneiras no desenvolvemento de proxectos de innovación cultural e base tecnolóxica, desembocará tamén na realización de clases maxistrais orientadas á escena contemporánea e á incorporación das novas tecnoloxías en proxectos artísticos, nas que poderán participar ou seguir as materias gratuitamente todas as Universidades”.
Co fin de garantir a axeitada xestión da parte técnica audiovisual do proxecto, a Fundación facilitará a formación de técnicos en cada Universidade ademais de manter encontros teóricos de intercambio e reflexión entre as entidades participantes para o desenvolvemento do proxecto creativo.

PUBLICIDADE