As universidades galegas de do Norte de Portugal amosan o seu patrimonio na Rede

venres, 29 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

A colaboración educativa e comunicativa entre ámbalas dúas beiras do Miño só podía ir a máis co afianzamento das canles dixitais do coñecemento. Se a isto lle engadimos a existencia de iniciativas de colaboración como o CEER, moi centradas no intercambio de recursos a través das redes, entón é probable que o número de pontes que unen unha terra a outra, terras irmás por outra banda, sexa xa máis abondoso no plano dixital ca no puramente físico. Por certo que o CEER, Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais, está estes días a facer reconto do acadado ao longo dos catro anos de vida do seu Museo Virtual Universitario da Eurorrexión, unha mostra dixital sometida a un enriquecemento continuo e na que traballan arreo as universidades públicas de Galicia e máis do Norte de Portugal.
O espazo, que segundo os seus responsables foi o primeiro da súa índole que se puxo en marcha dentro do eido universitario da Península, dá acubillo a recursos museísticos do patrimonio científico e cultural das universidades de Santiago, A Coruña, Vigo, Porto, Tras os Montes e Alto Douro e Minho.
O museo, que integra unha ferramenta de Google Earth que fai posible o desprazamento por estes espazos xeográficos irmáns e o seu coñecemento común, é con toda probabilidade unha das principais referencias ou fontes de inspiración da iniciativa de intercambio cultural e investigación configurada pola Universidade de Barcelona.
A mostra dixital galego-portuguesa, inserida dentro da política de innovación social que desprega o CEER dende a súa creación, foi posible grazas á posta en marcha deste campus en liña galego-portugués que representa en boa medida a páxina web da dita Fundación-Centro.
Entre os logros deste campus atópase o de ter conseguido a conexión de 16.000 estudantes e 14.000 profesores, concorrencia que amais de impulsar a creación do devandito museo deulle azos ao Club de Lectura virtual ou ao Plan de Comunicación 2.0.

PUBLICIDADE