As teses da Universidade de Santiago xa están no servidor estatal TDR

venres, 30 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

O coñecemento espállase, que algo bo tiña que ter a Rede. Segundo informa a USC, pola vía das TIC estase a satisfacer xa unha demanda de información que afecta non só á comunidade educativa, con tódolos seus integrantes, senón tamén ao futuro mesmo da investigación e da produtividade empresarial pola vía da innovación. Falamos das teses de doutoramento, traballos até hai pouco limitados a auditorios reducidos pero que en base ao servidor TDR están a disposición de quen queira consultalos. Por certo que no seu seo tamén están, xa, as teses da USC -que o seu Servizo de Publicacións aloxa en acceso aberto dende 2007.
Sinalar que TDR, Teses Doutorais en Rede, é un repositorio cooperativo de acceso libre e consulta íntegra que incorpora, dixitalizadas, as teses expostas nas universidades do Estado polo vieiro do protocolo OAI-PMH, ficando os dereitos de autor protexidos a través de licenzas Creative Commons, que permiten o libre emprego dunha obra sempre e cando se recoñeza a autoría orixinal. Agora o dito repositorio vense de enriquecer coa contribución da Universidade de Santiago, que ve nesta achega unha boa ocasión para favorecer a proxección dos traballos da súa comunidade. Segundo conta Juan Blanco, director do Servizo de Publicacións da USC, “esta é unha magnífica oportunidade para difundir o traballo investigador da nosa Universidade no ámbito internacional”, e máis se temos en conta que TDR intégrase á súa vez na rede internacional Networked Digital Library of Theses and Dissertations (NDLTD) que impulsa creación, o uso, a difusión e a preservación de teses electrónicas.

PUBLICIDADE