As teorías da conspiración seguen a traer de cabeza a X/Twitter

mércores, 29 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Pese á visita de Elon Musk a Israel para manter un encontro con Benjamin Netanyahu e así acalar as acusacións de antisemitismo, a crise de reputación de X/Twitter está lonxe de resolverse, en boa medida porque o propio Musk é incapaz de deixar de publicar mensaxes polémicas, como un meme no que se apoia a teoría da conspiración do Pizzagate, demostrada como falsa e que chegou a provocar serios problemas no mundo real (en 2016 un home armado provocou un altercado nunha pizzería ao crer esas falsidades, e rematou sentenciado a 4 anos de cadea).
Como mostra da mala posición que ten actualmente X/Twitter veñen de dar conta de que os grandes estudios cinematográficos están a reducir considerablemente a súa actividade na plataforma, até manter en silencio as súas contas, no que semella unha medida para evitar que se asocie as súas marcas a discursos de odio e teorías da conspiración.
As contas de Marvel Studios, Star Wars, Warner Bros. Pictures, Disney, HBO, Lionsgate, Universal Pictures e outras máis cesaron as súas comunicacións dende que Musk apoiou unha teoría da conspiración antisemita, pese a que nos días de silencio algunha das marcas realizaron importantes estreas e mantiveron a súa actividade noutras plataformas. De proliferar este xeito de actuar por parte das marcas tería un impacto semellante ao da cancelación das campañas publicitarias, xa que unha plataforma social sen contidos perde o interese rapidamente.

PUBLICIDADE