As televisións estudan a posibilidade de lanzar servizos de pago a través da TDT

luns, 10 de setembro do 2007 Marcus Fernández

As grandes canles de televisión en España están a estudar a posibilidade de aproveitar as TDT para introducir servizos de pago nas súas grellas de programación. As reflexións sobre as posibilidades técnicas e de negocio sobre estes novos servizos desenvólvense a través de Impulsa TDT, asociación na que se integran os operadores e Abertis, realizando xa en Estremadura unha proba piloto cunha plataforma de tecnoloxía común e usuarios reais para coñecer as demandas dos clientes e as posibilidades tecnolóxicas.
As novas canles en chegar a España son as máis interesadas nas novas posibilidades, mentres que as líderes en audiencia consideran moi difícil rendibilizar os contidos coma os deportes baixo un modelo de pago por visión.
A experiencia piloto desenvolvida o que demostrou é que os únicos atrancos para o lanzamento de modelos de pago serían legais, xa que as actuais licenzas de emisión a través de TDT forzan á emisión en aberto, aínda que dende o Ministerio de Industria se amosan receptivos a cambiar a normativa para permitir contidos de pago se as canles o solicitan.

PUBLICIDADE