As tecnoloxías para mellorar o mundo copan a Galiciencia 2019

xoves, 9 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

Os grupos participantes en Galiciencia 2019, a feira científico-tecnolóxica da Tecnópole de Ourense, puxeron onte as súas cartas sobre a mesa. Ou sexa, deron a coñecer os proxectos que se presentan nesta edición do evento, unha serie de talentosas e innovadoras iniciativas que tocan todos os paus tecnolóxicos e investigadores co obxectivo común, todos eles, de mellorar a vida das persoas.
A maior feira científica de Galicia, que se prolongará até mañá, celebra a súa décimo cuarta edición coa previsión de máis de 2.000 visitas. En total, compiten polo premio final 50 propostas (secundaria), con 29 fóra de concurso (primaria) Este ano a Galiciencia bateu récords de participación: presentáronse 134 proxectos, boa parte dos cales proviñan da nosa terra.
A alimentación saudábel, a mellora calidade de vida, a seguridade viaria e a redución do impacto ambiental protagonizan gran parte das contribucións (79) que se expoñen no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense).
Alimentación
Segundo informan os organizadores, este ano incrementouse o número de proxectos sobre alimentación, dada a temática central desta convocatoria. Neste eido insírense contribucións como o proxecto para a creación dunha cadea de comida rápida saudábel que elabora os menús en función das características de cada persoa (a cargo do alumnado do Colexio SEK-Atlántico de Poio (Pontevedra), un invernadoiro de patacas para viaxes espaciais que permite o cultivo sen terra e controlado mediante unha aplicación móbil (a cargo do Colexio Montecastelo de Vigo) ou unha app para dispositivos con máis de 30 receitas específicas para persoas cun ril transplantado (IES O Couto).
Calidade de vida
A mellora da calidade de vida está detrás dun bo número de propostas. Dúas alumnas das Aulas Tecnópole (Ourense) presentan unha pulseira con capacidade para facer seguimento dos síntomas dunha crise epiléptica e enviar sinais de alerta. Do IES Menéndez Pidal da Coruña chega un mapa dixital que dá indicacións aos cidadáns para moverse de forma máis saudábel e eficiente pola cidade, e dúas alumnas do Colexio San José de Ourense deseñaron un monedeiro antimicrobiano. Amais, do Colexio Compañía de María de Santiago procede un espirómetro deseñado e impreso en 3D que permite detectar anomalías pulmonares, co obxectivo asociado de concienciar a xuventude sobre os riscos do consumo de tabaco.
Programación para estradas máis seguras
No eido das tecnoloxías para a seguridade viaria insírese o sistema de acendido intelixente para coches que se bloquea cando detecta que o condutor está bébedo, e que vén da man dunha alumna do Colexio Maristas de Ourense. Na mesma liña sitúase o Bikerduino, o casco con luces LED que lle indica aos vehículos que circulan pola estrada, mediante movementos de cabeza, se o ciclista está freando ou que dirección quere coller nun cruce.
Compromiso co medio
O deseño de biomateriais (de orixe orgánica e biodegradábeis) capaces de substituír o plástico é un reto compartido por dous dos equipos participantes, un do Centro Educativo Galén de Lugo e outro do Colexio Eduardo Pondal de Cangas (Pontevedra). Amais, a biorremediación e o uso de especies vexetais para loitar contra insectos e especies invasoras son aplicados por equipos de Ourense, Lugo e Pontevedra para eliminar contaminantes tóxicos no fogar, erradicar a vespa velutina usando fungos e limpar as plantas de parasitos.
Enxeños robóticos
A maiores de todo o devandito, os enxeños tecnolóxicos teñen especial presenza na edición 2019 da feira. Do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela chega, de feito, unha avanzada neveira portátil baseada nunha célula Peltier. Alumnos do CPR Cemar de Mondariz (Pontevedra) presentan aplicacións dos drons multirrotores en transporte de enfermos e servizos anti-incendios, entre outros. E do IES A Xunqueira, de Pontevedra, procede un téxtil que incorpora electrónica para axudar a comunicarse ás persoas con diversidade funcional.

PUBLICIDADE