As tecnoloxías de código aberto serán analizadas polo miúdo este venres na Cidade da Cultura

martes, 9 de xuño do 2015 Fernando Sarasketa

Como xa adiantamos dende Código Cero, este venres 12 de xuño o Edificio CINC da compostelá Cidade da Cultura acollerá a xornada (r)evoLuƧión, un encontro de experiencias inspiradoras para profesionais do eido tecnolóxico e para todas aquelas persoas interesadas nas tecnoloxías de código aberto en calquera sector da sociedade. Informar que a asistencia é de balde, previa inscrición, e que o evento vén da man de AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) en colaboración coa AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia). Contarase coa presenza de relatores como Juan Freire ou Javier de la Cueva.
Asemade, os asistentes poderán compartir experiencias e coñecemento con empresas galegas e estatais con presenza internacional como: Paco y Lola, OpenROV, ICARTO, Anubia, IGALIA
A gran finalidade será “servir de escaparate de experiencias, novidades e solucións en código aberto”. Outro gran obxectivo da xornada, informa AGASOL, é buscar e amosar novas formas de xerar riqueza con sentido ético. Este cometido de medrar economicamente ao tempo que axuda ao desenvolvemento da sociedade vai implícito no nome do propio congreso, un xogo de palabras que “encerra en si mesmo os termos revolución e ilusión porque, para os que traballan co software libre, ábrense novas e vantaxosas oportunidades de negocios a partir da metodoloxía do código aberto”, explica a organización.
A xornada desenvólvese de mañá e tarde con acceso gratuíto logo de inscrición. Como dixemos, contará coa presenza de empresas que desenvolven negocios de alta facturación e con proxección mundial no sector. Estarán tamén os expertos Javier de la Cueva, especialista no dereito no ámbito electrónico e de protección de datos; e Juan Freire, consultor en xestión da innovación, desenvolvemento urbano e cultura dixital. Nunha primeira charla, Mar Castro (Oficina de Software Libre da Xunta de Galicia) explicará por que é estratéxico este modelo de negocio open source; a continuación presentarase a charla Tecnoloxías libres e viño: o caso de Adegas Paco & Lola da man do seu presidente Carlos Carrión.
Javier de la Cueva, pola súa banda, vai tratar un tema fundamental: o negocio con datos. Así, ao estaren en pleno proceso de espallamento os sistemas informáticos baseados na acumulación a grande escala de datos, de la Cueva falará sobre onde están os límites de todo isto.
O congreso tamén amosará, da man dos seus responsábeis directos, os detalles de OpenROV, un robot subacuático económico e de código aberto para exploración e educación, amais do nome co que se coñece a unha comunidade de exploradores oceánicos profesionais e afeccionados, e de apaixonados pola tecnoloxía con sede en California e con delegación en España.
Os impulsores de iCarto, pola súa banda, explicarán o seu desenvolvemento de sistemas de información xeográfica mediante SIX, empregados hoxe por exemplo por Enxeñeiros sen Fronteiras para a localización de auga. Anubia, que ofrece solucións na nube, falará dos beneficios da implantación dun ERP de código aberto para negocios a través dun desenvolvemento propio e adaptado. Igalia compartirá as súas experiencias no desenvolvemento de proxectos e solucións baseadas no código aberto, cun modelo tecnolóxico líder no mundo no seu nicho.
Pechará o evento Juan Freire, falando de futuros, proxectos e novos equipos de profesionais para que os devanditos proxectos sexan unha realidade.

PUBLICIDADE