As tecnoloxías da fala, polo miúdo nun curso de verán na UVigo

luns, 1 de xullo do 2013 Redacción

Da man do Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) coa colaboración do centro de investigación AtlantTIC e a Rede Temática en Tecnoloxías da Fala, Vigo vai dar acubillo os días vindeiros á escola de verán RTTH Summer School on Speech Technology Evaluation, unha achega formativa na que 23 estudantes de mestrado ou doutoramento de diversas universidades españolas formaranse nos aspectos tecnolóxicos, metodolóxicos e organizativos relacionados coas campañas de avaliación de tecnoloxía da fala. A actividade estenderase ao longo de cinco días, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, onde expertos internacionais na devandita vertente tecnolóxica exporán o presente e o futuro de cuestións como a síntese de voz, a segmentación automática de audio, o recoñecemento do locutor ou a identificación do idioma.
O alumnado contará coa presenza do profesor da Netherlands Forensic Institute and Radboud University Nijmegen, David van Leeuwen. “Cremos que é unha iniciativa interesante, coa que aqueles que comezan a súa carreira investigadora poden aprender e tecer unha rede que serva de xermolo para futuras colaboracións”, asegurou Carmen García Mateo, investigadora principal do GTM. Estas xornadas pretenden ser “unha oportunidade na que se combina perfectamente a aprendizaxe, a parte docente e a investigadora, coa posibilidade de compartir ideas, de sacar adiante novos proxectos e de facer amigos”, como explicou no acto inaugural a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo. Un marcado carácter social que permite ter tempo de lecer conxunto “no que falar de temas técnicos e científicos dun xeito distendido e cómodo que fai que estas relacións perduren no tempo permitindo ir aprendendo e dar cabida ás novas ideas que vaian xurdindo”, recoñeceu Edita de Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Nesta segunda edición do RTTH Summer School, ás sesións teóricas e prácticas sumarase un foro no que os participantes terán a oportunidade de presentar as investigacións nas que están traballando e ser avaliados por compañeiros e profesores, ademais de optar ao premio á mellor presentación.

PUBLICIDADE