As tecnoloxías centrarán boa parte do amplo programa de congresos da Coruña en 2018

luns, 14 de maio do 2018 Redacción

A Coruña quere ser unha cidade referente no panorama internacional de congresos, poñendo o foco en ámbitos como as novas tecnoloxías, a saúde ou o turismo. Segundo vén de informar o Concello, A Coruña será sede nos meses vindeiros dunha decena de acontecementos das ditas características. O primeiro estará ligado aos cambios que están a experimentar as urbes da man de novos eidos de sustentabilidade e novas ferramentas (Smart Cities), trátase do Simposio Transforming Cities Enhancing Well Being, que terá lugar entre os días 16 e 18 e que atraerá a unhas 200 persoas.
Sobre a importancia cualitativa e cuantitativa destes eventos, o concelleiro Alberto Lema salientou que A Coruña “está sendo convidada a participar en numerosos eventos, workshops e encontros profesionais que a consolidan como cidade destino desta clase de eventos no estranxeiro”. Trátase, como salienta o concelleiro e responsábel municipal de Turismo, “dun sector estratéxico, xa que é polo de xeración de actividade turística, debido ao volume de persoas que atraen e polo perfil que atraen, vinculado con actividades profesionais que engaden valor a estas visitas”.
Ao longo deste 2018, espérase que arredor de 3.500 persoas se dean cita na cidade ao abeiro de diversos congresos profesionais de sectores coma a medicina, as novas tecnoloxías, a avogacía, a ciencia e o benestar, con citas como A Coruña DNA Metabarcoding Workshop, no que participarán 100 persoas os días 27 e 28 de xuño; ou o XXVIII Encontro de Didáctica nas Ciencias Experimentais, no que 200 profesionais estarán na cidade entre o 5 e o 7 de setembro.

PUBLICIDADE