As revistas de Hearst superan o millón de subscritores dixitais

luns, 6 de maio do 2013 Marcus Fernández

David Carey, presidente de Hearst Magazines

O presidente de Hearst Magazines, David Carey, defendeu nunha entrevista no evento D: Dive Into Media organizado polo The Wall Street Journal o papel das revistas no actual contorno dixital, e polo momento os datos da súa compañía danlle parte de razón, pois tras pechar 2012 con preto de 900.000 subscritores das súas revistas para as súas versións para tablets, agora anuncian que a finais de marzo superaron o millón de subscritores. Carey pensa que Hearst podería chegar aos 3 millóns de subscritores dixitais en 2016, o que sería o 10% da súa base de lectores, o que pode parecer aínda moi pouco, pero supón un importante avance para un sector que está a vivir unha importante caída de difusión nos quioscos, e que podería atopar un refuxio nos novos soportes (aínda que resulta evidente que os tablets non son dabondo para salvar ao sector da crise).
A revista de Hearst que está a ter unha mellor saúde nos tablets é Cosmopolitan, con máis de 185.000 exemplares vendidos en dixital o pasado mes de xuño (e uns 108.000 subscritores), aínda que tamén pode resultar rechamante que nos EE.UU. é máis cara a subscrición dixital (20 dólares/ano) que en papel (15 dólares/ano).

PUBLICIDADE