As redes sociais na ensinanza, a debate este xoves en Vigo

xoves, 16 de decembro do 2010 Fernando Sarasketa

Son as redes sociais un medio para informar e formar mellor aos demais, ou, pola contra, un vieiro ben rápido para acadar o contrario? Que vantaxes teñen para o uso persoal, institucional, empresarial e, sobre todo, formativo? Atopar resposta a estas e outras cuestións é un dos grandes obxectivos da mesa redonda que acolle este xoves a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo, con motivo do programa de actos conmemorativos do seu 25 aniversario. A mesa redonda, que se celebra ás 20 horas na Fundación Caixa Galicia (rúa Policarpo Sanz), ten o seguinte título: Redes sociais e educación 2.0.
No encontro van participar unha serie de expertos na aplicación das TIC no eido da educación, tanto universitaria como non universitaria, e ao seu abeiro debateranse diversas experiencias no emprego das novas tecnoloxías no proceso de aprendizaxe.
Na mesa participará o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Carlos López Ardao, como moderador xunto con Daniel Martí, director do grupo de investigación ICOM CS-1 na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en Pontevedra; José Luis Orihuela Colliva, profesor do Departamento de Cultura e Comunicación Audiovisual na Facultade de Comunicación da Universidad de Navarra; Tíscar Lara, vicedecana de Cultura Digital na Escuela de Organización Industrial EOI; José Vicente Novegil Souto, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e José Mª Aguilera Carrasco, profesor do ensino secundario.

PUBLICIDADE