As redes sociais, entre os ingredientes fundamentais das propostas de innovación educativa da UVigo

mércores, 23 de xaneiro do 2013 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo celebrou esta semana unha xuntanza entre docentes para materializar e facer visíbel e duradeiro o fluxo de experiencias arredor da innovación educativa. A xornada, que serviu entre o outras cousas para albiscar os camiños futuros polos que pasará o ensino superior (máis redes sociais, máis emprego de interactividade e mesmo de actividades lúdico-dixitais), foi inaugurada polo reitor Salustiano Mato, que fixo saber que o obxectivo de eventos como este é “buscar a excelencia en todos os ámbitos para transferir coñecemento á sociedade e dar todo aquilo que se espera de nós e, neste caso, falar de innovación educativa é falar de mellora, de inquietude e de progreso”. A Xornada de intercambio de experiencias en proxectos de innovación educativa veu da man da Área de Formación e Innovación Educativa. Ao seu abeiro presentáronse un total dez proxectos, seis correspondentes ao ano 2011 e catro ao ano 2012.
Estes proxectos “demostran o esforzo dun capital humano preocupado por mellorar e, malia que a redución de axudas económicas deixa na cuneta moitos traballos máis ca interesantes, sacamos como positivo o interese xerado por estas iniciativas”, explicou Luís Anido, director da dita Área. Os traballos, que foron financiados por este departamento e co apoio do Consello Social da Universidade na súa última edición, diríxense a posibilitar e promover o intercambio de experiencias e técnicas empregadas, “en especial nas relacionadas coas novas metodoloxías didácticas, a chegada de Internet e as redes sociais, a adaptación ao EEES ou o a aprendizaxe informal como elemento clave nunha educación global”, informou Anido. Por certo que entre os ditos proxectos presentados houbo varios que nos tocan de preto, tematicamente, en Código Cero. Por exemplo o que veu da man de José Carlos López Ardao, docente na ETSE Telecomunicación. O seu traballo, informa a Universidade de Vigo, aséntase na teoría de que a comunicación formal e a figura do profesorado como elemento clave na aprendizaxe pode ter os días contados. Para López Ardao o futuro da docencia atópase na comunicación informal e nas redes sociais porque “coa implantación do EEES falamos dun novo tipo de alumno, máis implicado coa súa aprendizaxe, menos dependente e máis autodidacta, porque camiñamos cara unha educación que supera as fronteiras das clases e onde a participación virtual tamén ten o seu lugar”, indica.

PUBLICIDADE