As redes sociais e o sexo, entre o máis buscado na Rede polos máis novos

mércores, 30 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

O interese polo sexo por parte de nenos e adolescentes non é novo (antes materializábase nos quioscos e nas tendas de publicacións en xeral, e agora se rexistra sobre todo na Rede), pero hai máis constancia del, en boa medida porque na Internet moi poucas das nosas operacións fican sen deixar un ronsel ou unha pegada. É nesta liña de dar conta destas e outras operacións onde se sitúan empresas como Symantec, que no seu novo informe sobre seguridade informática sinala que entre os termos máis procurados entre a nenez en liña están a afianzarse firmemente palabras como “sex” ou “porn”, a moi pouca distancia de termos até o de agora de uso máis común como YouTube, Google ou Facebook, nomes todos eles de redes sociais e buscadores. Para Symantec, segundo se conta en webs como Cibersur, non hai dúbida do que cómpre facer nas familias con respecto ao uso de Internet: poñer algún tipo de control nas navegacións dos cativos.
Por certo que estes e outros datos da investigación tiráronse do estudo de case 15 millóns de buscas rexistradas no Online Family Norton.
Xa nunha orde de cousas máis ceibe de polémica, dicir que na sección de famosos do informe, os dous persoeiros que máis interese suscitaron entre a mocidade en liña a longo do ano que remata foron Michael Jackson e Taylor Swift. Por certo que o primeiro dos dous (un dos artistas dos que teñamos constancia ao que mellor lle ten sentado morrer) tamén aparece nun bo posto na sección de buscas populares, xunto co servizo de poxas eBay, Miley Cyrus (personaxe do que non tiñamos constancia e que resulta ser a actriz que dá vida a Hannah Montana) ou a Wikipedia, fonte de coñecemento en liña que probablemente se insira entre o máis buscado polo que ten de solucionadora de dúbidas para o estudo.

PUBLICIDADE