As queixas perante Protección de Datos medraron un 45% en 2008

mércores, 15 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

Con determinados servizos en Internet acontece igual que na vida con certas persoas que nos rodean: se lles das unha man, cóllenche o brazo enteiro. Isto que en relación ás nosas amizades non tería por que ter máis repercusión negativa que a dun exceso de confianza, en cuestión da Rede achega feituras máis graves, sobre todo se o que está en xogo non é outra cousa que os nosos datos persoais. A cousa semella que non ten parada a curto prazo e cómpre andar cada día con máis tino, tal é o volume de negocio que se xera hoxe en día na Sociedade da Información que nos convida a ser unha parte activa da súa construción e contido. Segundo vén de advertir no seu reconto (formato pdf) de actividade a Axencia Española de Protección de datos (AEPD), as queixas dos internautas tras veren vulnerados os seus dereitos á privacidade medraron máis do 45% ao longo do ano pasado. A maiores, e para que nos fagamos unha idea de até que punto concorremos nas novas plataformas da información sen estar apenas preparados para o xogo no que de maneira inevitable imos ter que entrar a formar parte (o xogo de pasar a ser, polo simple feito de ser internautas, obxectos de todo tipo de reclamos ao límite do lexítimo), das 2.362 denuncias que lle fixeron chegar á axencia os usuarios, a gran maioría facía referencia a firmas do sector das telecomunicacións, a entes financeiros e a servizos de video vixiancia.
No que atinxe ao primeiro tipo de queixas, as dirixidas ás compañías que achegan acceso e contido ás redes, baséanse sobre todo nunha das lacras informativas desta era na que vivimos de proliferación a esgalla de caixas de correo: o correo lixo. O spam, pois así se lle chama á versión dixital de toda a palla que por tradición nos chega polos servizos postais ordinarios, constitúe polo tanto unha das principais preocupacións dos usuarios das novas tecnoloxías, en todas as súas manifestacións, incluída a variedade telefónica, cada vez máis común, o que deriva entre outras cousas na incorporación do usuario a servizos de tarificación adicional sen o permiso pertinente.
Polo que atinxe ás denuncias ligadas á actividade bancaria, son principalmente queixas motivadas pola incorporación nos ficheiros de morosidade ou por ter pasado de longo dun dos grandes deberes de calquera empresa de cara aos seus clientes: manter a súa identidade segreda. Esta actividade incesante de uns e outros motivou que en 2008, segundo informa a Axencia de Protección de Datos, se dese comezo a un 58% máis de operacións sancionadoras ca no ano anterior, procedementos que deron como resultado un total de 22,6 millóns de euros en multas.

PUBLICIDADE