As principais cidades españolas acolleron o sábado mobilizacións dos profesionais informáticos

martes, 3 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

A ledicia sen límites dos seareiros do fútbol esnáfrase de cheo, estes días, coa preocupación de quen teme polo seu presente e seu futuro laboral. Apenas se entende unha cousa ao carón da outra. O sábado 30 de xuño, nas vésperas da febre deportista e da alegría compartida pola riqueza asegurada duns cantos xogadores, rexistráronse en diversos puntos da xeografía española importantes mobilizacións dos profesionais da informática solicitando mellores condicións de traballo. En cidades como Madrid, Barcelona e Zaragoza deixáronse escoitar proclamas a prol do recoñecemento dunha profesión que, polas razóns que sexan, aínda está pendente do respecto maioritario das institucións… e mesmo das propias empresas.
E máis tendo en conta que, como os profesionais da informática teñen sinalado, o sector das TIC amosan un potencial de medre e de facturación que xa quixeran outros sectores de meirande recoñecemento (e apoio orzamentario). Os manifestantes, porén, aproveitaron a ocasión para denunciar as malas condicións laborais que se teñen rexistrado nas grandes firmas do sector TIC, “empresas que presumen da súa excelencia e o seu valor de anticipación e logo amosan lamentábeis prácticas laborais, éticas e profesionais”. O colectivo fixo fincapé na necesidade de facer fronte común e de traballar máis conxuntamente a prol dos dereitos da profesión (cousa na que, por certo, están a traballar arreo os nosos colexios CPEIG e CPETIG). Un dos obxectivos é acabar xa coa falsa idea que teñen unha boa parte dos cidadáns acerca das vantaxes actuais de ser informática ou informático, en termos xerais: nin é certo que todas/os teñen un bo soldo nin tampouco é verdade que as condicións óptimas de traballo sexan aplicábeis a todo o conxunto. Máis ben, sinalouse, está a avanzar contrario: a explotación de sempre.

PUBLICIDADE