As posibilidades dos videoxogos para entendermos a cartografía centran o programa Mapas Divertidos da USC
venres, 26 de novembro do 2021
Empregar
videoxogos ou Realidade Virtual para familiarizar aos estudantes de
ensino medio coa cartografía e a intelixencia espacial. Este
é un dos grandes cometidos do programa Mapas Divertidos,
impulsado polo Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago
con financiamento do Consello Social da USC e co apoio técnico da
consultora Tecnoloxías e Sistemas de Galicia-Tysgal. O programa é
unha iniciativa itinerante que inclúe no seu programa accións de
divulgación en 53 comarcas galegas ao longo deste curso.
A
primeira fase do proxecto céntrase na formación do alumnado a
través de actividades presenciais nos propios centros ao longo do
presente curso académico. O CPR Plurilingüe SEI San Narciso, en
Marín, e o IES Laxeiro, en Lalín, foron os primeiros en participar
neste programa que continúa este 29 de novembro, no IES Plurilingüe
de Ames.
A
segunda fase do proxecto, prevista para comezar na primavera,
consiste nunha serie de xornadas de portas abertas na Facultade de
Xeografía e Historia que permitirán que o alumnado coñeza os
diferentes espazos de traballo existentes na facultade e nas que
tamén se realizarán obradoiros prácticos vencellados co mundo dos
mapas.
O
Consello Social e o Departamento de Xeografía da USC promoven con
esta iniciativa “a posta en valor e difusión da ciencia xeográfica
e da cartografía para o coñecemento social e análise territorial”.
Salientan que “grazas aos mapas podemos planificar e ordenar o
territorio, facilitar a mobilidade espacial, planear a loxística, e
transmitir todo tipo de información estratéxica de interese
económico, medioambiental ou sanitario”.
Entre
os obradoiros postos en xogo inclúese unha visita virtual á
Facultade de Xeografía e Historia en 360º, un taller de
fotointerpretación (o proceso de examinar as imaxes aéreas co gallo
de de identificar e interpretar os diferentes elementos da superficie
terrestre) e actividades formativas con mapas togográficos
interactivos.
O
programa tamén pon o foco nas posibilidades de coñecemento que
achegan os videoxogos e a Realidade Virtual, mostrando diferentes
exemplos de como estes recursos nos axudan a entender e manexar os
mapas, como por exemplo o popular Fornite, no
cal se nos convida de xeito indirecto pero moi instrutivo a
introducirnos nas metodoloxías e obxectivos da fotointerpretación.
Mapas Divertidos, nas
súas actividades no IES Laxeiro de Lalín, desenvolveu un obradoiro
baseado na relación entre videoxogos e cartografía.
O
programa conta cunha páxina web que porá á disposición da
cidadanía recursos didácticos, datos actualizados das accións
desenvolvidas e outros materiais resultado das actividades realizadas
nos centros de ensino.