As persoas con dificultades de comunicación xa contan cunha app de raizame galega

mércores, 11 de novembro do 2015 Redacción

A importancia de comunicarse para transmitir o noso estado, algún desexo ou necesidade de axuda é algo no que ninguén repara pois case todas as persoas son quen de levalo a cabo. O xeito máis común de comunicarnos é a comunicación verbal, que se pode manifestar de dúas maneiras: oral (mediante signos orais e palabras faladas) ou escrita (mediante a representación gráfica de signos). O caso que nos ocupa é pensar naqueloutras persoas que non son quen de acadar esta comunicación verbal, como se comunican elas? Pois na actualidade, para as persoas sen comunicación verbal (que non poden falar, ler ou escribir) a comunicación con sistemas de mensaxería instantánea como o Whatsapp ou o Telegram non é posíbel. Precisan dun sistema de comunicación que permita o emprego de pictogramas no lugar de texto e nisto é no que se basea a aplicación para dispositivos Android PictoTalk, desevolvida por Accegal.
Trátase dun proxecto de colaboración entre profesorado de centros públicos e o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación para a elaboración de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles.
O enxeñeiro Sergio Álvarez traballou durante un ano no deseño desta aplicación até convertela no seu proxecto fin de carreira da man do profesor Enrique Costa e a mestra e pedagoga Fátima García. Dende o mes de xullo, que comezou a estar dispoñíbel na páxina de Accegal e en Google Play, a app ten xa máis de 600 usuarios. Trátase dunha aplicación de mensaxería instantánea para usuarios sen lectoescritura aos que lles permite a comunicación a través de pictogramas que representan esquematicamente un símbolo, obxecto real ou figura. PictoTalk é un sistema de mensaxería que, empregando Internet, permite a comunicación a distancia. A aplicación é altamente configurábel e permite a cada usuario contar cunha selección de pictos adaptada ás súas necesidades, que se poden descargar e aos que se poden unir fotografías de obxectos reais que axuden á comunicación. A app está dispoñíbel en español, inglés, alemán, francés e italiano.

Sergio Álvarez, Enrique Costa e Fátima García

Segundo Fátima García, as persoas con dificultades de comunicación, como por exemplo algúns nenos dentro do espectro autista, que non poden expresarse de forma verbal, teñen unha alternativa nos pictogramas. Pola súa banda Sergio Álvarez engade que o seu obxectivo era achegar este enxeño o máis posíbel a algo coñecido como o Whatsapp, pero adaptado a usuarios de taboleiros de comunicación. De feito, os investigadores fan fincapé nas diferenzas entre ambos sistemas xa que mentres un emprega emoticonas o outro usa pictogramas. Fátima García puntualiza que “malia que semellan ter a mesma función, as emoticonas representan fundamentalmente emocións mentres os pictogramas teñen unha función máis comunicativa moito máis complexa". Como exemplo, a docente pon o concepto de “contento” que se pode representar cunha emoticona fronte a conceptos como “ter” ou “estar” que só se poderían transmitirse cun pictograma. Así, os usuarios poden construír frases como “non quero ir ao colexio mañá”, que con emoticonas sería imposíbel de facer. Para apoiar esta función comunicativa, a app permite tamén comunicarse escribindo e ofrece a posibilidade de reproducir en voz as mensaxes recibidas, tanto pictográficas como textuais.

PUBLICIDADE