As parábolas QSD de Televés, recoñecidas sobre os seus competidores por unha prestixiosa publicación alemá

mércores, 19 de marzo do 2014 Redacción

A galega Televés recibiu esta semana un importante recoñecemento europeo ao seu labor. A distinción vén da man de Satellit Emfang Technik, medio xermano que outorgou á gama de parábolas QSD da compañía de Santiago un total de 88 puntos sobre un máximo posíbel de 100 dentro dunha comparativa internacional de produtos de semellantes características e funcionalidades, “o que supón asignarlle a cualificación de moi bo”, explican fontes da firma. Máis polo miúdo, a análise céntrase no modelo QSD 75 e salienta como as súas principais virtudes “o acabado, a facilidade de montaxe e a calidade da recepción de sinal que proporciona”.
A reportaxe que publica a revista, conta Televés, inclúe as conclusións da investigación acerca doutras dúas parábolas de similares características e procedentes de outros tantos fabricantes de prestixio internacional. Ambos os produtos obteñen notas de 86 e 85 puntos, é dicir cualificacións inferiores á que logra a QSD de Televés, a triunfadora da comparativa.
Lembrar que QSD é a liña premium na gama de parábolas de Televés. “Homologados polo instituto TÜV”, explica Televés, “estes produtos caracterízanse por un deseño avanzado que leva á súa máxima expresión a precisión na recepción do sinal, así como pola súa gran perdurabilidade”. Máis en detalle, son parábolas de aluminio con soporte para a fixación do LNB en Zamak e cableado oculto. Contan con parafusos de aceiro inoxidable e un soporte de fixación igualmente de aceiro que se somete a un proceso de galvanizado en quente para outorgarlle ao aparello unha gran resistencia á corrosión. “Outra virtude da gama QSD”, engade Televés, “constitúena as facilidades que ofrece aos profesionais á hora da montaxe, que se realiza en catro sinxelos pasos”.

PUBLICIDADE