As oportunidades e riscos das TIC para as empresas, polo miúdo este mércores en Ferrol

luns, 11 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este mércores 13 de novembro ás 18:00 horas imos ter unha cita imprescindíbel coas novas tecnoloxías pola beira de Ferrol: o evento TIC Working, a tecnoloxía que impulsa a nosa comarca, na que diferentes relatores exporán temas de actualidade relacionados coas novas ferramentas dixitais co fin de dar a coñecer as posibilidades, beneficios e novas ameazas que aquelas ofrecen. A xornada vén da man da Asociación TIC Ferrolterra e celébrase na sede do Antigo Hospicio (11 da rúa Méndez Núñez de Ferrol).
O evento finalizará cun cóctel networking onde se poderán intercambiar impresións tanto cos relatores como co resto de participantes.
Para máis información ou para formalizar as inscricións cómpre facelo a través do teléfono 981 333 322 ou a conta de correo secretaria@ticferrolterra.org.
A cita desenvolverase en horario de 18.00 a 20.00 horas e contará coa presenza de Pablo Rivera, presidente de TIC Ferroltera (que presentará as sesións e pecharaas coa conferencia Estás preparado para perder todos os teus datos?), Hugo Fraga, de Hyliacom (con A Importancia de Google nun negocio online), María Anidos, de Abnute Abogados (co relatorio Falsas lendas urbanas sobre protección de datos), Patricia Filgueira e Luis G. Rey, de Espacio Vivo e Error Ferrol (co relatorio Xa teño un smartphone e agora que?), José Luis de Nicolás, de TrainNova (A Impresión 3D, tamén é para min?).

PUBLICIDADE