As oportunidades de traballo con software libre, polo miúdo en XGN

xoves, 26 de abril do 2012 Redacción

Xuventude Galicia Net 2012 está a coller pola vía do medio entre formación e lecer, abranguendo a canle intermedia e máis ámbolos mundos. Esta vontade de poñérmonos serios sen esquecer o divertimento en estado puro vese no programa de actividades deste ano miremos para onde miremos. O xoves 26, sen ir máis lonxe, soubemos da inclusión na axenda dun evento divulgativo sobre as posibilidades empresariais das ferramentas aberta e, asemade, da inclusión de dous interesantes torneos, un de Magic e outro de Warhammer.
O evento divulgativo, a conferencia Emprender da man do software libre, celébrase o sábado 5 e contará coa presenza de varios especialistas galegos en programas abertos e a súa aplicación como negocio, que lles amosarán aos participantes en XGN as moitas oportunidades laborais que hoxe en día achegan este tipo de ferramentas, e todo a través dunha exposición de cadanseu caso práctico. “Sen dúbida”, informa a organización de XGN, “unha actividade imprescindible para os que senten algún tipo de curiosidade sobre o software libre”.
Polo que respecta a Warhammer, dicir que se trata dun xogo de rol, e nesta actividade, o torneo programado, celebraranse competicións diferentes con diferentes ambientacións pero coa mesma metodoloxía, xogos de estratexia. Inclúense Fantasy (ambientado na época feudal), 40K (futurista) e O Señor dos Aneis (baseado no libro de Tolkien). Para máis información cómpre visitar a páxina de Games Worshop. É importante subliñar, sinala a organización, que estes torneos son para xente que xa saber xogar e que xa ven de participar neste tipo de competicións. “A sona deste xogo é mundial, e existe unha sólida canteira dende fai anos que fomentou a relación con rapaces doutras cidades”, engádese. Os torneos son impartidos por xente formada, empregándose dous árbitros para cada partida. Idades. +10 anos. Duración: 2 días con pausa para xantar. Límite de participantes: 30.
Polo que atinxe ao torneo de Magic, dicir que Magic the gathering é o primeiro exemplo de xogo de cartas coleccionables moderno, con máis de seis millóns de xogadores en todo o mundo (152 países), gran cantidade dos rapaces de tódolos ámbitos xogan e intercambian cartas Magic pode xogarse con dous ou máis xogadores, cada un deles usando un mazo individual. Tamén existe unha versión dixital que pode xogarse en liña a través de Internet. Hai máis información sobre o xogo en wizards.com. Idades dos participantes +12 anos. Duración da actividade: dous días con pausas para xantar. Limite de participantes: 40.