As operadoras frean a Huawei nos EE.UU.

mércores, 10 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Nas últimas horas tivo lugar a presentación de Huawei entro do CES de Las Vegas, evento que a compañía chinesa aproveitou para anunciar o lanzamento estadounidense no seu Mate 10 Pro, smartphone que venderase a partires do 18 de febreiro a través de Amazon, Best Buy, Microsoft, Newegg e B&H a un prezo de 799 dólares na súa edición estándar e a 1.225 dólares para a súa versión Porsche Design. Pero o novo móbil estrela de Huawei veuse eclipsado pola intervención do director xeral da compañía, Richard Yu, quen saíuse completamente do guión para amosar o seu malestar polo feito de que AT&T decidise a última hora non vender os teléfonos de Huawei nos EE.UU., o que supón un duro golpe para o fabricante, xa que a venda de móbiles a través de operadores nos EE.UU. supera o 90% do mercado.
Esperábase que 2018 fose o grande ano de Huawei nos EE.UU. (éxito que xa conseguiu en Europa nos últimos dous anos), pero parece que as presións políticas son as que farán que iso non aconteza, pois dende o Goberno norteamericano consideran que Huawei é unha ameaza. Se ben non hai evidencias de que Huawei realice prácticas de espionaxe, o mero feito de que a compañía tela ligazóns con Goberno chinés parece dabondo para as autoridades estadounidenses para frear o seu espallamento dentro das súas fronteiras, o que semella unha simple escusa para aplicar medidas proteccionistas no mercado interior.
Huawei tamén anunciou o nomeamento da actriz Gal Gadot (quen representa ao superheroína Wonder Woman no cine) como Chief Experience Officer, un novo cargo que lembra ao que outros fabricantes crearon no pasado para introducir a celebridades nas súas campañas de marketing, e que desta volta parece algo bastante natural, xa que Gadot protagonizou varias campañas de Huawei en Israel nos pasados anos.

ACTUALIZACIÓN: Verizon tamén estaría a cancelar o seu acordo de distribución con Huawei por presións políticas.

Un dos vellos anuncios de Huawei protagonizado por Gal Gadot

PUBLICIDADE