As nove firmas tecnolóxicas que se veñen de sumar a Porto do Molle amosan o seu traballo

mércores, 1 de abril do 2015 Redacción

O Centro de Negocios de Porto do Molle vén de amosar as súas cifras de actividade do mes de marzo, os seus mellores números dende que en 2011 comezase a comercialización das parcelas, naves e oficinas do parque empresarial de Nigrán. Os datos foron dados a coñecer esta semana, durante a visita ao complexo de Teresa Pedrosa, delegada do Consorcio Zona Franca de Vigo, co obxecto de coñecer de primeira man as nove empresas tecnolóxicas que se instalaron no último mes nas oficinas do edificio. En total, ao longo de 2015 xa se sumaron 15 novas firmas á comunidade de Porto de Molle.
O complexo, como lembraremos, é sede dos principais programas de promoción empresarial que está a levar a cabo o Consorcio como son a aceleradora ViaVigo, o Innovation Vigo Camp, a Factoría de Innovación e un viveiro o que permite ás empresas beneficiarse de forma directa de todos os seus servizos. A área industrial do parque, cualificada de “enclave tecnolóxico”, tamén achega facilidades aos seus residentes para que poidan acceder ás axudas e incentivos nacionais correspondentes ás convocatorias do Ministerio de Industria. Lembrar que conxuntamente co Parque Tecnolóxico de Vigo, o complexo de Nigrán integrouse na Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE).
Entre empresas alugadas e propietarias de chan na área xa se elevan a 70 as sociedades que elixiron Nigrán para levar adiante a súa actividade económica e que entre todas elas xeraron un total de 634 empregos. “Con este número de novas empresas e traballadores”, sinalou Teresa Pedrosa, “pódese dicir que Porto do Molle é o parque empresarial que está a amosar unhas cifras de maior crecemento en comparación con outras áreas industriais de Galicia”.
Das 9 novas empresas que visitou a delegada, catro son de recente creación e nacen xa cun total de 29 novos traballadores, o que fai que no Centro de Negocios atópense xa 36 empresas que xeran 121 empregos. Teresa Pedrosa visitou cada unha das oficinas para coñecer de primeira man a súa actividade. Todas elas abranguen distintos sectores de actividade que van desde a eficiencia enerxética até a creación dunha plataforma de distribución de videoxogos en liña mediante unha tarifa plana, a produción de contido audiovisual, a asesoría de telecomunicacións, o desenvolvemento de cursos de formación e adestramento en liña, a asesoría de telecomunicacións ou o desenvolvemento de sistemas de cultivo hidropónico. Dúas destas novas empresas proveñen da aceleradora ViaVigo e co aluguer das súas novas oficinas, sinala a Zona Franca, “deron o paso á súa instalación nun espazo que lles acolleu desde os seus inicios e que colaborou no crecemento do seu proxecto”.
As nove firmas instaladas teñen o seu emprazamento no Viveiro de Empresas (Sila Software, Horticultura Hidropónica, Metal Work And Structures e Meseybuco) e máis no Centro de Negocios (Into Galicia Consulting, Renueva Val Miñor, BPO Consultores de Dirección de Empresa Familiar, Isabel Gómez López e Proaytel 2014).

PUBLICIDADE