As novas tipoloxías de piratería na Internet centran un curso na AGASP

martes, 28 de maio do 2019 Redacción

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, inaugurou hoxe na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) un curso formativo, impulsado polo Sindicato Unificado de Policía (SUP), sobre as novas tipoloxías de piratería en Internet, a actividade na que están a participar uns 200 axentes das forzas e corpos de seguridade. No acto estivo acompañado polo xefe superior da Policía Nacional en Galicia, Manuel Vázquez, e polo comisario da Policía Autonómica, Fernando Pico.
Na súa intervención, Villanueva destacou a importancia de impartir este tipo formacións para seguir avanzando na prevención de condutas delituosas a través da Rede, en tanto os avances tecnolóxicos e redes sociais obrigan á constante actualización dos axentes nestas materias.
Entre os poñentes da xornada destacan, entre outros, o xuíz José Antonio Vazquez Taín; ou o fiscal de Criminalidade informática da Coruña, Luis Vázquez Seco.
Esta actividade inscríbese no convenio asinado no ano 2015 entre a Xunta e o Ministerio de Interior, permite que cada ano mais de 3.000 policías nacionais e gardas civís se formen na AGASP, converténdoa en referente formativo e punto de encontro.

PUBLICIDADE